O alumando do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense chegou á fase final do programa STEMbach

O proxecto “She is a most charming young lady, indeed”, desenvolvido polo alumnado do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense en colaboración coa Universidade de Vigo, foi seleccionado como finalista no concurso de investigación do Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, STEMbach, convocado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.
Este estudo analiza o uso de adxectivos e a linguaxe feminina ou feminizada en novelas do século XIX escritas por autoras como Jane Austen e as irmás Brontë. Baseándose nas teorías da lingüista Robin Lakoff e no Dictionary of the English Language de Samuel Johnson (1755), o proxecto investiga como certos adxectivos tradicionalmente asociados á feminidade, como “adorable”, “charming” ou “lovely”, se empregan nas narracións. Os resultados mostran que estes adxectivos “femininos” non se utilizan coa frecuencia agardada, achegando novas perspectivas sobre o uso da linguaxe de xénero na literatura da época.
O Bacharelato STEMbach, implantado pola Xunta no curso 2018/2019 e actualmente presente en 53 centros con máis de 1.100 estudantes matriculados, busca impulsar a formación en ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM), así como desenvolver habilidades científico-tecnolóxicas, especialmente no tratamento de datos e na incorporación da intelixencia artificial á sociedade. Ademais, fomenta as vocacións STEM entre os máis novos mediante proxectos de investigación realizados en colaboración coas universidades públicas galegas e outras entidades.
Nesta edición, un total de 63 proxectos de 14 centros educativos participaron no concurso, coa alta implicación do profesorado universitario na codirección dos traballos. O conselleiro Román Rodríguez destacou a calidade e variedade dos proxectos finalistas, así como o papel fundamental da investigación científica como motor de avance en todas as áreas sociais.
Aínda que o proxecto do IES Eduardo Blanco Amor non resultou premiado, a súa selección como finalista supón un importante recoñecemento ao esforzo e rigor do alumnado e profesorado implicados, que achegaron unha visión innovadora sobre o uso da linguaxe feminina na literatura do século XIX.