O Alumnado de Educación Infantil expón as súas instalacións artísticas no campus de Ourense
Ao longo desta semana, diferentes espazos de uso común do Edificio de Ferro foron acollendo a exposición de instalacións artísticas realizadas por alumnado de terceiro curso do Grao de Educación Infantil, que se imparte na Facultade de Educación e Traballo Social do campus. O estudantado realizou en grupo estes traballos no marco da materia Obradoiro de Creatividade, impartida por Sara Fuentes e Javier Blanco, subliñando desde a súa organización a boa acollida e resposta dos alumnos e alumnas. As propostas realizadas destacaron pola súa creatividade dando un uso artístico e pedagóxico a materiais de uso cotiá, desde xornais a papel de cociña. A iniciativa rematou este venres coa presentación das propostas a cargo do alumnado que as elaborou e co desenvolvemento das actividades pedagóxicas asociadas a cada instalación, tal e como se desenvolverían nun contexto educativo real.