O árbitro ourensán Manuel Casanova Cudeiro, elixido mellor colexiado da tempada
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o tenente de alcalde, Aníbal Pereira, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Antonio Fernández, recibiron esta mañá no salón de plenos do Concello o policía local e árbitro de fútbol ourensán Manuel Casanova Cudeiro, que ven de acadar o premio ao mellor colexiado da temporada 2023/2024 da Terceira Federación.
Manuel Casanova acudiu ao Concello acompañado pola superintendente da Policía Local de Ourense, María Barrera, o inspector xefe, Baldomero Rubio, o delegado en Ourense da Real Federación Galega de Fútbol, Raúl Rois, o presidente do Comité Técnico Galego de Árbitros de Fútbol, Bernardino González, e o delegado do comité de árbitros en Ourense, Claudio Cerdeira.
Manuel Casanova é colexiado desde o ano 2009, e arbitra en categoría nacional desde 2014. Obtivo esta temporada o premio ao mellor ábitro, que leva o nome de Trofeo Carreira Abad, por cuarta vez, logo de ter acadado esta distinción os anos 2014, 2016 e 2017.
O alcalde felicitou o árbitro e policía local por este recoñecemento ao seu bo facer e animouno a continuar durante a próxima temporada con esta excelente traxectoria e volver o ano que vén ao salón de plenos cun novo trofeo ao mellor árbitro da categoría. Pérez Jacome expresou a súa especial satisfacción polo premio a Manuel Casanova, dada a súa dobre condición de árbitro e de profesional que presta servizo a diario na Policía Local do Concello de Ourense.