O BNG acusa a Jácome de “victimismo ficticio” tras as acusacións do alcade á Xunta de Galicia polos investimentos en Ourense

O BNG acusa ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, de “victimismo ficticio”, tras as acusacións vertidas polo rexedor este venres contra a Xunta de Galicia en relación coas inversións do goberno galego en materia de infraestruturas na cidade de Ourense.
“Casualidade ou non, o feito é que este 14 de febreiro, día da amizade e dos namorados, o idilio entre Democracia Ourensana e Partido Popular parece non atravesar polo seu mellor momento pois desde o Goberno local veñen de acusar á Xunta de someter á terceira cidade do país a un bloqueo institucional” similar ao dos EUA con Cuba”, sinalan os nacionalistas nun comunicado.
Para o Grupo municipal do BNG “Jácome xa non é crible, pedímoslle que abandone dunha vez este victimismo ficticio que practica pois DO e PP seguirán saído ao rescate o un do outro sempre que o precisen”. O Portavoz do BNG no Concello Luís Seara, lémbralle ao actual Rexedor que “hai un ano abstívose na investidura de Alfonso Rueda como Presidente da Xunta”, segundo dicía, “para darlle un novo voto de confianza” e pese a que a discriminación a Ourense á que agora alude, “xa se producía con anterioridade”.
E é que para a formación nacionalista a situación que agora denuncia o Alcalde “non é nova, xa ven da etapa de Núñez Feijóo ao fronte da Xunta. Anos de investimentos e proxectos máis que cuestionables e que en ningún caso deron resposta ás necesidades reais da cidade”.
Seara pregúntalle a Jácome “onde estaba o Goberno Local cando desde o BNG denunciamos as obras de Marcelo Macías, as do pendenllo da nova estación de buses, as do soterramento da Avenida Otero Pedrayo, as da senda peonil de Reza ou máis recentemente as do Estadio do Couto ou sobre a xestión do novo CAPD?” e resposta, “estivo mirando cara outro lado, dando a calada por resposta ou mesmo recepcionando ditas obras sen pórlle un só pero”. O BNG entende que esta situación revela igualmente “o nulo peso político de Jácome diante do resto de institucións”.
Desprezo da Xunta
A formación nacionalista entende, por outra banda, que a actitude da Xunta de Galiza “é de desprezo absoluto cara a veciñanza da terceira cidade do país. A nós non nos gusta Jácome e a diferenza do PP de Rueda, nós non facilitamos a súa chegada á alcaldía como si fixeron eles tanto en 2019 como en 2023, pero é o Alcalde de Ourense e representa á cidade e ao conxunto da cidadanía, motivo polo que merece o tratamento propio do cargo que ostenta”.