O BNG acusa a Jácome de xerar un caos interno sen precedentes no Concello de Ourense
Nas últimas semanas intensificaron no Concello de Ourense os traslados de persoal tanto dentro de algúns departamentos, como de uns a outros, situación que lonxe de mellorar o traballo e a atención á veciñanza está a xerar, segundo denuncian desde o Grupo municipal do BNG, “unha situación de caos absoluto que mesmo pode derivar no colapso de algúns dos Servizos pois o persoal xa non sabe nin cal é o seu posto de traballo nin as funcións que ten que desenvolver”.
Outra derivada de todo o que está acontecendo é, segundo o Portavoz municipal do BNG Luís Seara, “a prestación de servizos e a atención á veciñanza, unha veciñanza que en moitos casos vai dunhas dependencias a outras sen saber exactamente a onde ten que dirixirse”.
Seara pon como exemplos o que está acontecendo nas Concellerías de Urbanismo ou de Medio Ambiente. No caso de Urbanismo, Seara destaca que “estase mudando ao persoal de sitio de maneira permanente dentro do propio edificio e atribuíndolle cometidos diversos a funcionarios cunhas encomendas, en principio moi definidas, como poden ser os técnicos, arquitectos ou aparelladores que agora teñen que facer tamén funcións administrativas ou mesmo de atención ao público”.
A situación na Concellería de Medio Ambiente é igualmente “surrealista, xa que se moveu a todo o persoal a outros departamentos ou mesmo a outras dependencias da mesma Área polo que neste momento, Medio Ambiente ten dispersado ao seu persoal por até catro sedes distintas”.
Mención aparte merece, segundo o grupo municipal do BNG, a Oficina de Rehabilitación, máis coñecida como Oficina do PERI, xa que tal e como afirma Luís Seara, “é o paradigma do despropósito, do desleixo e da incapacidade do actual Rexedor para dirixir o Concello, xa que, tal e como xa advertimos desde o BNG, co seu traslado a Urbanismo desde a sede que tiña na rúa da primavera, o que se pretendía era o seu desmantelamento, feito constatable neste momento no que nin tan sequera se permite que tramiten as subvencións correspondentes en materia de rehabilitación, algo que segundo parece, vaise facer desde o CIE, oficina que non conta co persoal nin acreditado nin formado en tales procedementos”.
“Este feito é gravísimo pois incide directamente na vida da veciñanza. Persoas con nomes e apelidos que ven como teñen que abandonar as súas vivendas, sobor de todo, na zona hsitórica, por non poder rehabilitalas e que sexan habitables, ou por non poder tramitar as axudas precisas para o cambio das fiestras. Estamos a falar das condicións de vida de veciñas e veciños desta cidade que por mor das arroutadas do Alcalde, teñen que malvivir”.
Pero para o BNG nada do que está acontecendo é casual e, tal e como afirma Luís Seara, “responde a unha estratexia perfectamente definida polo Alcalde, a de xerar caos e desconcerto, a de levar a situación ao límite do colapso para ter a escusa perfecta para cargar de novo contra as e os traballadores municipais e xustificar os seus continuos incumplimentos amparándose na neglixencia, na mala fe e na desidia do funcionariado, algo que é radicalmente falso”.