O BNG acusa á Xunta de ignorar ás comarcas de Ourense no Proxecto de Orzamentos de 2026

A deputada nacionalista por Ourense e voceira de Facenda no Parlamento galego, Presas, criticou esta mañá con dureza o Proxecto de Orzamentos de 2026 que a Xunta acaba de remitir ao Parlamento para a súa tramitación, afirmando que “estes orzamentos son un desastre para Ourense”.
Presas sinala que “o goberno galego ignora que as comarcas de Ourense foron as máis afectadas pola gran crise de incendios de 2025”, denunciando tamén que as “partidas que destina especificamente son insuficientes para a rexeneración; débense a fondos europeos e non a esforzos propios, e non se prevé un cambio de modelo de prevención e extinción”.
Para Presas, “estes orzamentos son un fracaso total en canto a servizos públicos, cun claro abandono de Ourense. Por un lado, en materia de saúde, non hai compromiso coa construción dun centro de saúde único para a cidade, como o tan demandado e necesario Vinteún, nin con novas especialidades para o CHUO, como a unidade de xeriatría ou ictus. Vemos millóns de euros para o Plan Director cando sabemos que a súa execución fracasa: o mellor exemplo é que o novo edificio de especialidades non avanzou e que o Materno aínda non se demoliu, nin aparecen partidas específicas nestes orzamentos para facelo tras os graves derrubamentos de 2025”.
Segundo a deputada nacionalista, “estes orzamentos amosan a folla de ruta do Partido Popular para abandonar os servizos públicos en Ourense: nin xestión pública da CAPD nin novas residencias de maiores; máis promesas dun Plan Director sen execución e promesas reiteradas sen avances como o CIS que xa teñen Lugo, Lalín e Vigo ou o edificio administrativo absolutamente paralizado que se repite desde hai cinco anos”.
Presas considera “especialmente grave que, coa crise que atravesa Ourense en materia térmica e industrial un ano máis, estas sexan dúas áreas desatendidas pola Xunta”, e criticou o aumento xeral do orzamento, que considera “insuficiente nun contexto de suba do IPC, xa que apenas sobe un 2%, mentres que a inflación creceu un 2,7% en 2024 e o dato galego máis recente sitúase no 2,9%. Isto significa que, en realidade, temos orzamentos que se están a recortar”.