O BNG acusa ao alcalde de Ourense de poñer “escusas” para non reabrir a piscina das Burgas
Diante das explicacións e dos argumentos empregados polo alcalde do Concello de Ourense para xustificar porqué a día de hoxe a piscina termal das Burgas permanece pechada, dende o Grupo municipal do BNG, logo de revisar tanto a cronoloxía como o expediente da obra, acusan ao alcalde de poñer “escusas” para non reabrir o complexo.
Desde a formación nacionalista destacan en primeiro lugar que, como consecuencia da Lei Termal aprobada pola Xunta de Galiza, “elaborouse un proxecto de adaptación da piscina no que participaron técnicos do PERI, o Arqueólogo municipal, o Servizo Eléctrico e o Servizo de Infraestruturas, limitándose o papel do Servizo de turismo e Termalismo a excluisvamente elaborar un informe proposta”.
O Portavoz do BNG Luís Seara, destaca igualmente que “a obra adxudicóuselle á empresa Coviastec porque, acolléndose a un dos criterios de adxudicación, ofertou a execución dos traballos nun prazo de cinco meses, sendo o inicio das obras tal e como consta na acta de replanteo, en xuño de 2023”, e engade, “dito prazo foi incumprido, tal e como tamén consta nunha nota emitida por Intervención, na acta de recepción da obra datada o 30 de abril de 2024”.
O BNG sinala que é nese momento cando se lle entrega a piscina reformada ao Servizo de Turismo e Termalismo coa orde de “pola en funcionamento” e que é este Servizo precisamente o que detecta, tal e como figura en informes emitidos tanto en setembro como en decembro de 2024, “deficiencias consecuencia da execución dos traballos pero que en todo caso non impiden a apertura ao público da instalación”, feito que leva ao BNG a asegurar que “é polo tanto unha decisión exclusivamente política do Alcalde a de non abrila con carácter inmediato”.
Seara ten claro que o propósito de Jácome, recoñecido por el mesmo é, “a privatización da xestión de todo o complexo termal, é dicir, da piscina, dos apartamentos turísticos, da cafetería e do Centro de Interpretación”.
No Grupo municipal do BNG teñen claro que “Jácome busca enredar, confundir e responsabilizar a todo o mundo da súa propia incompetencia” e engaden, “o que ten que quedar moi claro é que a piscina termal das Burgas podería abrir ao público mañá mesmo, tal e como afirmou o Concelleiro de infraestruturas en diversas Xuntas de Área e el mesmo recoñeceu onta na Xunta de Portavoces, polo tanto a decisión de non abrir é única e exclusivamente do Alcalde”.
“Non abrir a piscina porque non lle peta significa privar ás veciñas e veciños dun recurso termal no que se investiron miles de euros de diñeiro público. Isto demostra que a Jácome, o termalismo non lle importa o máis mínimo, deprezando un recurso que ademais de beneficioso para a saúde é xerador e fonte de riqueza económica”.