O BNG advirte de que o Concello de Ourense continúa sen remitir o novo PXOM á Xunta
Na Xunta de Área de Urbanismo celebrada este martes no Concello de Ourense, o Concelleiro do BNG Xosé Manuel Puga interesouse pola situación na que se atopa actualmente a tramitación do novo PXOM tendo en conta o anuncio feito polo Goberno Local o pasado día 2 de outubro “no que afirmaban que esa mesma semana sería remitido á Xunta de Galiza para que informase sobre o mesmo toda vez o documento xa estaba informado pola Asesoría Xurídica e pola Intervención municipal”.
A finais da semana pasada, concretamente o día 11 de outubro, coñecíase o Ditame do Consello Consultivo relativo á vixencia das licenzas que a empresa COPASA ten para a construción de dúas torres nas beiras do río Miño, torres obxecto de polémica nos últimos anos ante a negativa do actual Rexedor a que sexan incluídas no documento.
Na Xunta de Área de Urbanismo desta mañá e preguntado polo Concelleiro Xosé Manuel Puga, “o Concelleiro confirmou que a día de hoxe aínda non se remitira o PXOM á Xunta, contradicindo o dito polo propio Concello o pasado día 2 pero sen concretar os motivos pese a insistir reiteradamente en que dera explicacións”.
Segundo Puga “non estamos diante dunha cuestión baladí xa que o Consello Consultivo foi moi claro á hora de validar as licenzas de construción de COPASA polo que cómpre saber se no borrador que se lle vai a remitir á Xunta figuran as torres, se pola contra existiu algún tipo de negociación previa coa empresa para evitar a súa construción e que medidas compensatorias se acordaron ou mesmo se o Concello, pola súa conta e risco, decidiu suprimilas, co grave prexuízo que iso pode ter en caso de reclamación, xa que poderiámonos atopar coa anulación do novo PXOM e co pagamento de indemnizacións millonarias”.
Desde o BNG lamentan que o Goberno Local “non ofreceu ningún tipo de explicación nin aclarou ningunha destas cuestións”, Feito que motivou a solicitude, vía Rexistro, “do acceso, vista e copia a todo o expediente”.