O BNG advirte do impacto da macroplanta de biogás proxectada en Xunqueira de Ambía

Máis dun cento de veciños acudiron á charla informativa organizada polo BNG en Pazos para analizar o proxecto da macroplanta de biogás que o grupo ENCE pretende instalar entre A Brandela e Bustelo. No encontro participaron as deputadas Sonia Vidal e Xosé Manuel Golpe, xunto co portavoz do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela. A cita serviu para explicar os detalles do proxecto, publicado recentemente no Diario Oficial de Galicia, e presentar alternativas baseadas na sustentabilidade e no equilibrio territorial.
A portavoz local e deputada autonómica, Sonia Vidal, advertiu de que a iniciativa “supón unha agresión ambiental e social a unha comarca que leva anos sufrindo o abandono institucional” e reclamou “transparencia, planificación e respecto ao territorio ante un modelo depredador e imposto desde fóra”. Na súa intervención insistiu en que “o noso medio rural non pode converterse nun vertedoiro de macroproxectos enerxéticos que se deciden nos despachos e se executan en contra da vontade veciñal”.
Durante a xornada, Xosé Manuel Golpe detallou as dimensións da proposta industrial: máis de 170.000 metros cadrados de superficie, o tratamento anual de 166.000 toneladas de residuos SANDACH, a circulación de 50 camións diarios e un consumo estimado de 3,5 millóns de litros de auga ao ano, sen garantías sobre a dispoñibilidade deste recurso. Segundo o deputado, “enfrontámonos a unha empresa privada que socializa os impactos e privatiza os beneficios”.
Bernardo Varela destacou que a reunión “amosou un veciñanza informada, activa e disposta”, en contraste coa “opacidade coa que se está a tramitar o expediente”. Criticou ademais que “a Xunta de Galicia debería estar do lado da cidadanía e non das grandes corporacións”, lembrando que a documentación oficial foi difícil de consultar durante semanas.
As persoas asistentes expresaron a súa preocupación polo impacto do proxecto nos recursos hídricos, pola xestión do digestato —subproduto do biogás sen regulación específica en Galicia—, pola calidade do aire e polo valor das propiedades da zona. Tamén amosaron o seu malestar ante o feito de que o propio estudo recoñeza que a localización se escolleu “nunha zona con escasa conflictividade social”. Para Vidal, “esa frase demostra o desprezo co que se trata á Galicia rural, como se fose un territorio sen voz nin dereitos”.
O BNG defende un modelo enerxético “baseado na proximidade, na eficiencia e na soberanía dos recursos”, con participación real das comunidades locais e garantías ambientais e sociais. “Non estamos en contra da produción de enerxía renovable —subliñou Vidal—, estamos en contra dun modelo especulativo que destrúe o noso territorio”.
O grupo municipal do BNG de Xunqueira de Ambía anunciou que solicitará ampliar o prazo de alegacións polas dificultades de acceso á documentación e ofrecerá modelos e asesoramento técnico para facilitar a participación veciñal. “Defender o medio rural é tamén defender a democracia e o dereito das persoas a decidir o futuro que desexan para o seu municipio”, afirmou a deputada, asegurando que “non permitiremos que Xunqueira de Ambía se converta nun laboratorio de macroproxectos nin nunha zona sacrificada por intereses alleos”.
O BNG reitera o seu compromiso cun modelo enerxético galego público, sustentable e ao servizo da cidadanía, e insta á Xunta a paralizar o proxecto ata que se garanta a participación veciñal e unha avaliación ambiental rigorosa. En palabras de Sonia Vidal, “Galicia non precisa máis macroplantacións nin máis improvisacións; precisa planificación, transparencia e respecto polo seu medio rural, a súa xente e o seu futuro”.