O BNG alerta do risco “ambiental e social” da planta de biogás de Xunqueira de Ambía e pide a súa paralización inmediata

Os nacionalistas pedirán o apoio da corporación provincial para insta á Xunta á paralización da tramitación do proxecto mentres non exista unha regulación específica
Xosé Manuel Puga, Bernardo Varela, María Mangana
Xosé Manuel Puga, Bernardo Varela, María Mangana
28 Oct 2025

O grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, compareceu este martes ante os medios para esixir a paralización do proxecto de instalación dunha macroplanta de biogás en Xunqueira de Ambía, promovida pola empresa Biofertilizantes Xunqueira de Ambía S.L., pertencente ao grupo ENCE.

Os nacionalistas levarán ao pleno da Deputación unha moción na que pedirán o apoio da corporación provincial para “instar á Xunta de Galicia á inmediata elaboración dunha normativa específica que regule a implantación das plantas de biogás, establecendo distancias mínimas respecto dos núcleos habitados, tal e como xa fan outras comunidades autónomas, e á paralización da tramitación do proxecto mentres non exista dita regulación”.

Ademais, demandan a ampliación do prazo de alegacións en trinta días adicionais a contar desde a data na que se puido acceder efectivamente ao proxecto técnico, ao fin de garantir a participación real da veciñanza e das entidades afectadas, e lembran que o expediente estivo unha semana sen acceso público tras a súa publicación no DOG. Os nacionalistas piden tamén que os servizos técnicos e xurídicos da Deputación elaboren alegacións en defensa dos intereses da veciñanza da Limia, dado que considera que “unha avaliación técnica rigorosa chegaría á mesma conclusión ca nós: que se trata dun proxecto inviable”.

Os nacionalistas piden á Deputación de Ournse que non destine fondos públicos nin recursos materiais nin humanos á instalación de macroplantas de biogás ou biometano, xa que consideran que “estas infraestruturas xa están hiperfinanciadas a través dos fondos Next Generation e carecen de retorno social ou ambiental para o territorio”. Por iso, propoñen a creación dun programa formativo e informativo dirixido á cidadanía e ao sector agrogandeiro para divulgar “as vantaxes das pequenas plantas de biogás vinculadas ás explotacións locais e orientadas ao autoconsumo enerxético como modelo sostible e de economía circular”.

“Estamos ante unha macroplanta con capacidade para tratar 166.000 toneladas anuais de residuos, das cales máis de 80.000 serían puríns líquidos, situada nunha zona inundable e a escasos metros dunha ZEPA”, advertiu o voceiro provincial do BNG, Bernardo Varela, que denuncia que “o proxecto non só é ambientalmente temerario, senón que ignora a realidade territorial e os riscos evidentes para as augas subterráneas e os mananciais da Limia”.

Varela subliña ademais que “a empresa promotora pretende empregar o subproduto resultante do proceso, o chamado dixestato, como ‘biofertilizante verde líquido’, malia estar cargado de nitratos, o que suporía a súa vertedura directa sobre unha zona vulnerable a nitratos”.

O deputado nacionalista destacou tamén o agravio coa veciñanza, logo de que no propio proxecto se xustifique a escolla do emprazamento “por tratarse dunha zona cunha suposta baixa capacidade de resposta cidadá, debido ao envellecemento da poboación”. Para Varela, “é un argumento profundamente ofensivo e inaceptable. A veciñanza da Limia ten dereito a ser escoitada e a defender o seu territorio fronte a proxectos que poñen en risco a súa saúde e o seu modo de vida”, engadiu.

Bernardo Varela lembrou que o BNG leva anos reclamando a posta en marcha íntegra do Plan Estratéxico da Limia, consensuado por todos os axentes da comarca, gandeiros, ecoloxistas, administracións e asociacións veciñais, e que continúa gardado nun caixón.“O Plan da Limia recolle medidas reais e sostibles para abordar o problema da Limia”, concluíu o portavoz nacionalista.

⚙ Configurar cookies
0.076713800430298