O BNG aposta por construir un novo estadio no Couto e transformar o actual nunha cidade deportiva

O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense, acompañado polo deputado no Parlamento Galego Iago Tabarés, presentou esta mañá o seu proxecto integral para o desenvolvemento deportivo no barrio do Couto. A proposta contempla a construción dun novo estadio nos terreos situados detrás da actual bancada de fondo e a conversión do estadio actual nunha cidade deportiva.
O portavoz do BNG, Luís Seara, destacou que “estes días intensificouse o debate social en relación co lamentable estado do céspede do Estadio do Couto” e lembrou que o partido benéfico “tivo que xogarse en Balaídos” pola situación do campo ourensán. Sobre as obras levadas a cabo pola Xunta, Seara comentou que “o BNG ten sido moi crítico con esta reforma por considerar que non resolveu ningún dos moitos problemas do estadio, moitos deles estruturais como os relativos á accesibilidade, a funcionalidade, a visibilidade, ou a comodidade”.
Seara subliñou que “rematou o tempo das esmolas e dos proxectos de baixo custe. Ourense precisa infraestruturas modernas e acordes aos tempos nos que andamos” e afirmou que o BNG “volve traer a debate esta cuestión por considerar que é, ademáis dunha necesidade, un proxecto estratéxico para Ourense”. A proposta presentada, que xa foi trasladada á sociedade en 2019 e 2023, considera viable a construción dun novo estadio no terreo que está detrás da bancada actual, acompañada da creación dunha cidade deportiva que solventaría “a insuficiencia de instalacións deportivas na cidade” e melloraría aspectos como o estacionamento e a mobilidade.
Segundo o nacionalista, o proxecto tamén incluiría “a creación do necesario aparcamento disuasorio” e un novo acceso á N-525 para desconxestionar o tráfico, así como a “humanización dunha zona actualmente degradada, revalorizando a súa contorna”.
Para que este proxecto poida facerse realidade, Seara apuntou que “é preciso vontade política por parte das distintas administracións, singularmente da Xunta e do Concello”, xa que “a Xunta posúe os terreos necesarios e o Concello debe modificar o PXOM para converter ese terreo en solo dotacional, en lugar de solo urbanizable como está previsto actualmente”.
O deputado Iago Tabarés destacou que “a Xunta de Galiza non desenvolve os proxectos estratéxicos que Ourense merece e demanda, senón que simplemente se fan obras para sair do paso”. Tamén criticou que o estado actual do estadio dificultou que se disputase en Ourense o partido benéfico polos afectados polos lumes do verán e lamentou “a pésima imaxe que se traslada de Ourense cada vez que vemos un partido de fútbol disputado no Estadio do Couto”.
Tabarés puxo en dúbida as cantidades investidas pola Xunta na reforma do Couto, sinalando que “foi mudando as cantidades que di ter investido”. Remarcou que a reforma non atendeu aspectos importantes como “a accesibilidade, o cumprimento da normativa de seguridade ou mesmo a iluminación do recinto”, e mencionou que “o céspede, o único bo de toda a reforma, apenas durou un ano en óptimas condicións debido á falta de mantemento e á desidia amosada”.
Finalmente, o deputado anunciou que o BNG pedirá á Xunta “unha intervención integral e unha reforma inmediata do terreo de xogo” e reclamou “respecto por Ourense, xa que o que estamos a ver é unha evidencia clara do pouco que lle importamos ao Partido Popular e tamén aos seus socios locais”.