O BNG carga contra a decisión de Jácome de suprimir a ORA e alerta das consecuencias económicas e de mobilidade

OurenseXa
Cualifican a decisión do alcalde de Ourense de “caprichosa e unilateral” e advirten de que non só produce “un aumento moi notable do denominado tráfico de axitación” senón tamén está a ter consecuencias nas arcas municipais
Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco
12 Mar 2026

O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense insiste nas consecuencias que a supresión do Servizo da ORA está a ter na mobilidade da cidade así como dende o punto de vista económico para as arcas municipais. Unha situación que, advirten, se pode ver agravada se o Xulgado decide tumbar o ERE presentado pola concesionaria do servizo.

O voceiro nacionalista, Luís Seara, cargou contra a decisión do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a quen acusa de telo feito “pola súa conta e risco xa que non hai ningún informe, nin económico nin doutra índole. Nós dixémoslle que estabamos abertos a falar da gratuidade pero que debería existir algún mecanismo de control para favorecer a mobilidade, algo que por certo aparece recollido no PEMUS”.

Seara quixo lembrar que a supresión do Servizo realizouse “pola porta de atrás” no debate para aprobación da Ordenanza Reguladora das Zonas de Baixas emisións, “proposta que por certo, saíu adiante grazas ás abstencións de PP e PsdeG-PSOE, quenes agora, curiosamente, reclaman solucións a dita supresión”.

Con esta decisión de eliminar o estacionamento regulado, que cualifican de “caprichosa e unilateral”, estase producindo, segundo os nacionalistas “un aumento moi notable do denominado tráfico de axitación nas rúas ao estar os aparcadoiros, antes de zona azul, permanentemente ocupados con vehículos que utilizan ese espazo como un garaxe ao aire libre”. Pero as consecuencias, din, “tamén son económicas xa que a eliminación da ORA implica deixar sen efecto a zona azul e despedir a 9 traballadoras e traballadores dun contrato que xunto ao guindastre supuña 1,5 millóns de euros”.

O BNG advirte unha vez máis que unha vez suprimida a ORA, a empresa pasou ao Concello unha liquidación pola supresión do Servizo que sumadas as cantidades, supón algo máis de 1,1 millóns de euros. “Por actualización de prezos, algo máis de 787.000 euros e pola liquidación ás e aos traballadores 314.000 mil euros. Ao anterior temos que engadirlle que, segundo a empresa, seguir prestado o Servizo do guindastre vai supor 1,4 millóns de euros”.

Igualmente, Seara asegura que a propia Concelleira delegada de Facenda, Tamara Silva, confirmou na última Xunta de Área celebrada que “a actualización de prezos e IVE que reclama a empresa, será obxecto dunha auditoría contraditoria, algo que por certo, xa dicían nun informe os técnicos da Oficina de Xestión Económica e Orzamentaria, informe que, curiosamente, non se pediu para a reclamación de VIAQUA dos 16 millóns de euros. Pola contra, dixo que a indemnización ás e aos traballadores, lembremos, 314.000 euros, si que as ía asumir integramente o Concello”.

A realidade, segundo a formación nacionalista é que “a día de hoxe as e os traballadores despedidos aínda non viron un euro. Impugnaron o ERE, por vulneración de dereitos fundamentais e o xuízo terá lugar o vindeiro día 23 de marzo. Xa veremos que acontece no caso de que a xustiza determine a readmisión dos mesmos”.

O Grupo municipal do BNG tamén quixo pór o foco na situación na que se atopa actualmente o Servizo do guindastre. Neste sentido, Seara afirma que o orzamento remitido pola empresa, preto de 1,4 millóns de euros é “similar ao que se pagaba polo Servizo da ORA e do guindastre en conxunto, 1,5 millóns de euros”.

Porén, din os nacionalistas, o máis preocupante é este servizo vaise seguir prestando “cun material obsoleto que resulta perigoso para a seguridade das e dos condutores, do resto dos vehículos e das persoas que transitan pola rúa”. Ademais, afean que unicamente estanse a empregar dous guindastres dos catro que hai e que, insisten, “non reúnen as condicións esixibles para a prestación deste servizo e que teñen provocado máis dun sobresalto aos condutores e danos a outros vehículos xa que ao longo dos anos de vixencia do contrato non se renovou un só dos vehículos, algún cunha media dun millóns de quilómetros”.

Respecto á situación da Avenida de Portugal logo de coñecerse a súa paralización, Seara chama ao alcalde a adoptar “solucións urxentes para poder rematar a obra canto antes”. “Que poña enriba da mesa unha solución que sexa cribe e viable, desde o BNG amosaremos o noso apoio para que ditas obras se retomen e, sobre todo, se rematen canto antes. Pode contar connosco”, sinala o voceiro nacionalista.

0.12261199951172