O BNG critica que Jácome “pretende poñer en valor o papel da hostalaría ourensá” mentres “dinamita” o proxecto da Praza de Abastos

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) anunciou que non asistirá á recepción oficial convocada polo Concello de Ourense para homenaxear aos hostaleiros locais recoñecidos cunha estrela Michelin.
Aínda que desde o BNG recoñecen que “gañar unha estrela Michelin é un recoñecemento excepcional. Coloca a Ourense no mapa gastronómico internacional, atrae turismo, emprega talento local e amosa o potencial creativo da nosa cociña. É sen dúbida un fito a celebrar e por tanto é de xustiza a recepción institucional no Concello de Ourense”, tamén expresan a súa crítica cara á xestión municipal.
O portavoz nacionalista, Luís Seara, advirte que “o convite feito pola Alcaldía non debe facernos esquecer a quen sosteñen día a día a nosa identidade culinaria. Os praceiros e praceiras así como os pequenos comerciantes da Praza de Abastos. Son eles os que proveen a estes recoñecidos hostaleiros de produtos de proximidade, frescos e da máxima calidade que fan posible non só un restaurante estrelado senón tamén a mesa de moitas casas de Ourense”.
Desde o BNG denuncian que o alcalde está a pór en risco “o modelo da Praza de Abastos, un modelo de economía circular, de mercado de proximidade, poñendo en perigo máis de 200 postos de traballo. Algo inaudito na política municipal. Aquel que debería loitar con todas as súas forzas para preservar os postos de traballo adícase a poñer paus nas rodas, comprometendo a viabilidade da maioría dos postos da Praza”.
Seara recalca que “non podemos compartir como, por unha banda, se pretende poñer en valor o papel da hostalaría ourensá, e por outra se quere dinamitar un proxecto como o da Praza de Abastos, provedor de moitos dos locais no noso Concello e xerador de emprego”. Por iso, conclúe, “en coherencia co noso compromiso cos intereses de Ourense e a defensa do tecido económico local, o BNG non asistirá á recepción do alcalde”.
“Non podemos ir a unha recepción mentres exista un conflito aberto e promovido polo alcalde. Non podemos brindar cunha man mentres coa outra asina decretos que ameazan o sustento de centos de familias. Celebrar a excelencia gastronómica está ben, pero a verdadeira excelencia mídese tamén pola saúde dos seus mercados, polo apoio ao comercio de proximidade e pola xustiza do que é de todos e todas”, sentenza Seara.