O BNG critica os orzamentos da Deputación de Ourense para 2026 e anuncia que presentará unha emenda á totalidade

OurenseXa
Para a formación nacionalista, o documento presentado polo goberno provincial “profundiza no continuísmo e na falta de rumbo político”
Xosé Manuel Puga, Bernardo Varela, María Mangana
21 Nov 2025

O grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na Deputación de Ourense valora negativamente o proxecto de orzamentos para 2026 presentado pola institución provincial, cualificándoos de continuistas e afastados das necesidades da poboación.

A formación nacionalista considera que o documento presentado polo goberno provincial “profundiza no continuísmo e na falta de rumbo político” e afástase dun modelo de xestión “útil, transparente e orientado a mellorar as comarcas de Ourense”.

Un dos puntos máis sinalados polo BNG foi a discrepancia na asignación ao INORDE, xa que a partida prevista nos orzamentos non coincide co acordado no Consello Reitor, unha cuestión que o portavoz provincial Bernardo Varela considera “unha falta absoluta de coordinación interna e de rigor, impropia dunha institución que debería actuar con planificación e solvencia”.

O BNG tamén alerta sobre o aumento do gasto en persoal, que en 2026 chegará a 42 millóns de euros, un 38,02 % do total, fronte aos 39,67 millóns (37,75 %) de 2025, o que, segundo Varela, non representa “unha aposta por reforzar servizos públicos nin por mellorar a capacidade de resposta da Deputación”, senón “a consolidación dun modelo burocratizado”.

Así mesmo, o gasto corrente experimenta un incremento significativo, alcanzando os 28,63 millóns en 2026, un 25,92 % do orzamento total, fronte aos 25,79 millóns de 2025 (24,55 %). Neste sentido, o portavoz nacionalista destacou que a suma de ambos capítulos “continúa medrando e representa a parte máis elevada das contas da Deputación”, o que impide “un proxecto posible”.

En canto ás subvencións nominativas, o capítulo correspondente sobe a 8,56 millóns de euros (7,75 %) en 2026, fronte aos 7,24 millóns (6,89 %) do ano anterior. Varela sinala que este aumento supón “un reforzo evidente da política discrecional que tanto criticamos” e pide avanzar “cara unha asignación de fondos máis obxectiva”.

O BNG tamén denunciou que os orzamentos “chegan alleos ás principais necesidades da provincia”, sen medidas específicas para afrontar “o desastre provocado polos recentes incendios” nin políticas activas para “fomentar o emprego e fixar poboación”. Ademais, criticaron a “insuficiente” atención aos concellos de menos de 20.000 habitantes, que “son os que máis precisan da Deputación e os que deberían ser o centro da acción política”.

Para o BNG, estes orzamentos “confirman a inercia dun goberno que renuncia a asumir os retos estruturais de Ourense e que se limita a reproducir as mesmas políticas habituais do PP”, e insisten en que “Ourense necesita que se apoie aos concellos e que se active a economía. O que temos, por desgraza, é exactamente o contrario”.

Por iso, os nacionalistas anuncian que presentarán unha emenda á totalidade do proxecto orzamentario “cunha proposta alternativa que atenda as necesidades e prioridades da veciñanza das comarcas de Ourense”.

⚙ Configurar cookies
0.0764000415802