O BNG cuestiona a xestión municipal dos gobernos de Jesús Vázquez e Pérez Jácome no conflito da Praza de Abastos

OurenseXa
Celebran a sentenza da Audiencia Nacional pola que o Concello recuperará 1,4 millóns da subvención deste espazo pero consideran que evidencia que o procedemento foi “un auténtico despropósito”
Rhut Reza, Luís Seara, Erea Blanco e Xosé Manuel Puga, grupo municipal do BNG no Concello de Ourense
10 Apr 2026

O Grupo municipal do BNG valora positivamente a sentenza da Audiencia Nacional que recoñece o dereito do Concello de Ourense a recuperar 1.435.265,66 euros vinculados á subvención da Praza de Abastos nº 1, pero critica a xestión realizada tanto polo goberno de Jesús Vázquez como polo Gonzalo Pérez Jácome.

“Aledámonos de recuperar eses cartos máis o certo é que dunha primeira lectura da sentenza o que podemos concluír con claridade é que todo o procedemento, tanto con Jesús Vázquez como con Gonzalo Pérez Jácomez á fronte da Alcaldía, foi un auténtico despropósito”, asegura o voceiro do BNG no Concello de Ourense, Luís Seara.

O grupo nacionalista destaca que o fallo xudicial pon de relevo unha mala xestión do proceso durante as distintas etapas de goberno e atribúe a recuperación parcial dos fondos á actuación do Estado. Neste sentido, Seara sinalou que “grazas, neste caso, á torpeza do Estado e ao seu desleixo, o Concello vai recuperar algo máis de 1,4 millóns de euros mais non debemos esquecer que o que non imos recuperar vai ser a outra parte da subvención recibida no seu día e que ascende á nada desdeñable cantidade de 2,3 millóns de euros”.

A formación nacionalista insta agora ao goberno local a destinar os fondos recuperados á finalización da Praza de Abastos nº 1, co obxectivo de permitir o retorno das praceiras e praceiros ao mercado. Ao mesmo tempo, solicita ao Ministerio que non recorra a sentenza, co fin de facilitar que o Concello poida xestionar os recursos e aplicalos á finalidade para a que foron concedidos.

0.12394094467163