O BNG de Amoeiro esixe a dimisión da Tenente de Alcalde por permitir lanzar fogos de artificio en plena vaga de lumes

O BNG de Amoeiro solicita públicamente a dimisión inmediata de Susana Rodríguez, Tenente de Alcalde do Concello e deputada provincial, tras as informacións publicadas que apuntan ao lanzamento de fogos de artificio sen autorización durante a celebración da voda da súa filla, na madrugada do pasado domingo 17 de agosto.
A formación nacionalista considera que este acto supón “unha grande irresponsabilidade e unha falta de respecto á cidadanía”, especialmente nun contexto marcado pola vaga de lumes que está a afectar ao país.
O responsable local do BNG, Marcos Blanco, declarou que “non podemos permitir que representantes públicos minimicen comportamentos perigosos e inadmisibles nun momento en que tantas persoas están a sufrir as consecuencias dramáticas dos incendios”.
En relación coas declaracións da propia Tenente de Alcalde, que afirmou que lanzar fogos de artificio “non é un risco importante porque só é unha caixa e saen disparados cara arriba”, desde o BNG subliñan que “este tipo de declaracións só poden saír da boca dun inconsciente, e é inaceptable que quen ocupa cargos de representación pública actúe con esa lixeireza”.
Por todo iso, o BNG de Amoeiro reclama que Susana Rodríguez abandone tanto o seu cargo no Concello como o escano na Deputación Provincial de Ourense, ao considerar que perdeu toda lexitimidade para continuar representando á veciñanza.