O BNG de Barbadás abre a porta a unha moción de censura contra Xosé Carlos Valcárcel

O BNG de Barbadás anuncia que apoiará unha moción de censura contra o alcalde sempre que esta estea encabezada por algunha das concelleiras socialistas que este xoves decidiron abandonar o grupo de goberno tras acusacións por presunto acoso laboral por parte do alcalde, Xosé Carlos Valcárcel.
Ademais, os nacionalistas deixan claro que non apoiará unha moción liderada por representantes do PP nin de Democracia Ourensana (DO), unha porta que abrían os populares este mesmo venres.
Desde o BNG, apuntan que a situación actual provocou unha “ingobernabilidade” no Concello e que, ante a negativa do alcalde Valcárcel a dimitir, están dispostos a facilitar un novo goberno formado polas concelleiras socialistas que saíron do seu executivo.
O BNG reclama que o alcalde abandone o seu cargo e facilite a conformación dun goberno alternativo, argumentando que a cidadanía de Barbadás non merece “un goberno incapaz, formado só por dúas persoas próximas ao alcalde, co único fin de manterse no poder a calquera prezo e por enriba dos intereses veciñais”.
Finalmente, o BNG mostrou tamén o seu apoio e solidariedade coa concelleira que denunciou o acoso sexual e laboral.