O BNG de Barbadás critica a “nula ambición” do alcalde tras o seu encontro co presidente da Xunta

O Grupo municipal do BNG no Concello de Barbadás cuestiona a utilidade da reunión do Alcalde co Presidente da Xunta. Segundo o Portavoz dos nacionalistas Sarín Núñez, “o alcalde acudiu buscando soamente unha foto pois confórmase simplemente cunha achega ridícula que a Xunta vai facer para a ampliación do Polideportivo municipal ao tempo que condena á veciñanza de Barbadas a seguir contando cuns servizos públicos precarios para unha poboación de máis de 12.000 habitantes”.
Para o Portavoz do BNG “non é de recibo que sexamos o único concello do país que supera os 10.000 habitantes e que a día de hoxe seguen sen contar cun Instituto de Educación Secundaria, obrigando á nosa mocidade, máis de 1.200 rapazas e rapaces en idade educativa dende hai máis de 20 anos, a ter que desprazarse diariamente a Ourense para continuar cos seus estudos”.
Para a formación nacionalista tampouco é de recibo que “continuemos sen un Centro de Día público para os nosos maiores, sen unhas piscinas climatizadas que permitan o seu uso durante todo o ano, sen dispor dunha segunda Escola infantil ou mesmo cunha nova Escola de música moderna e adaptada aos tempos nos que estamos”.
Finalmente, o BNG tamén lamenta o papel da Xunta de Galiza e do Presidente Rueda xa que consideran “segue a rirse de Barbadás, obviando todas e cada unha das reivindicacións que se lle trasladan, amparado ademais por un Alcalde e un Goberno Local falto de ambición e de peso político, algo que é facilmente demostrable vendo como concellos con poboación similar á de Barbadás como pode ser Verín ou o Barco si contan con servizos públicos que cobren as necesidades da veciñanza”.