O BNG de Barbadás demanda un social para as persoas maiores que inclúa un Centro de Día

OurenseXa
Desde a formación nacionalista instarán ao Goberno Local de Barbadás á reserva dos terreos que lle corresponden na AR-4 e que prevense ceder ao Ministerio do Interior
Sarín Núñez, Portavoz do BNG no Concello de Barbadás
2 Jun 2025

O Pleno do Concello de Barbadás deste luns, 2 de xuño de 2025, debaterá sobre “unha das necesidades urxentes do Concello en materia de infraestrutura social, como é a dotación dun local social para as persoas maiores, que inclúa un Centro de Día de xestión pública e directa”. O Portavoz do BNG na Corporación municipal Sarín Núñez defende que “este tipo de equipamento resulta esencial para garantir unha atención digna á nosa poboación maior, promovendo o seu benestar, autonomía e integración na vida comunitaria”.

A proposta, segundo sinalan desde o BNG, adquire aínda máis relevancia á vista da intención do actual equipo de goberno de ceder ao Ministerio do Interior, terreos de titularidade municipal na zona AR-4 para a construción dunha nova Casa Cuartel da Garda Civil. Para Núñez, “esta decisión supón privar ao municipio duns terreos estratéxicos que poderían destinarse a fins sociais e de interese xeral”.

No BNG consideran que ante esta situación, “cómpre priorizar os intereses da veciñanza, promovendo o desenvolvemento de infraestruturas públicas que respondan ás demandas reais da cidadanía”, e engaden, “existen diversas necesidades urxentes como a creación dunha segunda escola infantil, a construción dun novo auditorio, dado que o da actual Casa da Cultura resulta insuficiente, unhas instalacións dignas para a Escola de Música ou para a promoción de vivenda pública”.

“O que propomos desde o BNG é a construción dun local social con Centro de Día Público. Existen exemplos inspiradores como o do Concello de Allariz, cun Centro de Día situado no casco histórico, dotado de servizos complementarios como o comedor sobre rodas e rodeado de zonas verdes e sombras, que o converten nunha infraestrutura de referencia”.

E é que tal e como denuncian desde a formación nacionalista, “en Barbadás, pola contra, gran parte das instalacións públicas están relegadas a baixos de edificios, consecuencia dunha planificación centrada máis no rendemento inmobiliario que no benestar social e xa é hora de reverter esta situación e ofertarlle á nosa veciñanza infraestruturas e servizos públicos accesíbeis e de calidade”

⚙ Configurar cookies
0.14393591880798