O BNG de Barbadás leva ao Pleno unha moción para esixir o cumprimento da normativa de normalización lingüística

OurenseXa
A proposta, que se debaterá este luns 12 de xaneiro, pide crear un Servizo Municipal de Normalización e activar medidas para garantir o uso do galego na atención ao público, na documentación e na actividade formativa
Sarin_Nuñez_bng_Barbadas
12 Jan 2026

O grupo municipal do BNG en Barbadás reclamará no Pleno deste luns 12 de xaneiro o cumprimento efectivo da normativa sobre normalización lingüística no Concello. A través dunha moción, a formación nacionalista propón a creación dun Servizo Municipal de Normalización Lingüística e un paquete de actuacións orientadas a normalizar e impulsar o uso habitual do galego na administración local.

Entre as medidas recollidas no texto figuran, segundo explica o BNG, a coordinación da elaboración, posta en marcha e avaliación dun Plano Municipal de Normalización do Galego, así como o asesoramento aos distintos departamentos para consolidar o galego como lingua vehicular. Tamén se inclúe a supervisión da calidade e corrección lingüística da documentación municipal, da sinalización e das comunicacións oficiais, ademais de campañas de sensibilización dirixidas tanto á cidadanía como ao persoal municipal.

A moción propón igualmente habilitar un punto de contacto para que a veciñanza poida trasladar queixas e suxestións relacionadas cos dereitos lingüísticos. O portavoz nacionalista, Sarín Núñez, ampara a iniciativa no marco legal vixente e lembra que o Estatuto de Autonomía establece no seu artigo 5.1 que 'a lingua propia de Galiza é o galego' e que os poderes públicos deben garantir o uso normal e oficial das dúas linguas, potenciando o emprego do galego.

Núñez sostén que, malia ese respaldo normativo (e citando tamén a Lei de Normalización Lingüística e a normativa específica para entidades locais), no Concello de Barbadás detectan prácticas que se afastan dese mandato. Segundo o BNG, a situación sería visible en ámbitos como a atención ao público, a redacción de escritos pola Policía Local, a impartición de cursos en espazos municipais e mesmo no uso da lingua por parte de membros do Goberno local e persoal ao servizo do Concello.

Para reverter estas dinámicas 'de forma eficaz e permanente', a formación considera 'imprescindíbel' dotar o municipio dunha estrutura técnica específica que centralice, promova e supervisa o cumprimento das obrigas lingüísticas en todos os departamentos.

A moción tamén pon o foco na integración das persoas migrantes que chegan ao municipio. O BNG defende que a lingua galega é unha ferramenta clave de inclusión e pertenza e pide políticas activas que faciliten o acceso ao seu coñecemento e uso. Nesa liña, lembra que a Xunta ofrece aos concellos a posibilidade de integrarse na Rede de Dinamización, con cursos gratuítos dirixidos a persoas recén chegadas ao país.

⚙ Configurar cookies
0.067091941833496