O BNG de Barbadás levará ao pleno unha moción para condenar a intervención militar en Venezuela

OurenseXa
O voceiro nacionalista, Sarín Núñez, defende a necesidade de que “as entidades locais, no ámbito das súas competencias e como expresión da vontade democrática da cidadanía, teñen tamén a responsabilidade de pronunciarse en defensa da paz
Sarín Núñez, Portavoz do BNG no Concello de Barbadás
2 Feb 2026

O BNG de Barbadás levará ao pleno unha moción para condenar a intervención militar dos Estados Unidos en Venezuela e coa que instan á Corporación municipal “a reafirmar o compromiso coa recuperación urxente dun proceso de diálogo político inclusivo, pacífico e plenamente venezolano que permita unha solución democrática e estable”.

Os nacionalistas consideran que os feitos acontecidos o pasado 3 de xaneiro de 2026 no país e que tiveron como consecuencia o secuestro do Presidente da República e da Primeira Dama e a morte de arredor de cen civís son “unha gravísima violación da soberanía nacional e do Dereito Internacional coa execución dunha operación militar por parte das forzas armadas dos Estados Unidos da América en territorio da República Bolivariana da Venezuela”.

Para o Portavoz do BNG no Concello de Barbadás Sarín Núñez, “tal actuación constitúe un acto de agresión militar que vulnera de maneira flagrante o Dereito Internacional e, en particular, a Carta das Nacións Unidas, que consagra os principios da integridade territorial, da soberanía dos Estados e da non-intervención nos seus asuntos internos” e engade, “trátase, polo tanto, dunha acción que supón unha grave amenaza para a paz e a seguridade tanto a nivel rexional como internacional”.

Os nacionalistas entenden que “este uso ilexítimo da forza establece un precedente extremamente perigoso para a estabilidade de America Latina e tradúcese nunha escalada belicista que pon en risco a convivencia pacífica entre os pobos”, e entenden que “estamos diante dun golpe de Estado de carácter militar e económico, con consecuencias tráxicas en vidas humanas, que debe ser condenado con rotundidade pola comunidade internacional”.

Diante desta situación, Sarín Núñez defende a necesidade de que “as entidades locais, no ámbito das súas competencias e como expresión da vontade democrática da cidadanía, teñen tamén a responsabilidade de pronunciarse en defensa da paz, do Dereito Internacional e dos principios fundamentais que rexen a convivencia entre as nacións, motivo polo cal instaremos ao resto dos Grupos municipais a condenar con firmeza a operación militar levada a cabo contra a soberanía da República Bolivariana de Venezuela, por constituír unha grave violación do Dereito Internacional e da Carta das Nacións Unidas”.

Finalmente, o BNG de Barbadás afonda na necesidade de “reafirma o dereito á autodeterminación do pobo venezolano e ao principio da non-intervención nos asuntos internos de Estados soberanos, como piares fundamentais dunha orde internacional xusta, democrática e pacífica”.

⚙ Configurar cookies
0.085041046142578