O BNG de Barbadás reclama medidas fronte aos incendios recorrentes no núcleo do Regueiro

O Grupo municipal do BNG de Barbadás reclamou accións concretas ante os repetidos incendios que afectan ao núcleo do Regueiro desde 2020. Segundo o portavoz nacionalista, Sarín Núñez, “a veciñanza do Regueiro, na freguesía de Barbadás, vive desde hai case seis anos nunha situación de intranquilidade e medo”.
Núñez sinalou que, desde 2020, “este núcleo histórico ten sido escenario de sete incendios, todos eles con fortes lunes” e que, ademáis, terían sido provocados “de acordo coas informacións veiculadas pola comunicación social local e os testemuños da propia veciñanza”. O último incidente tivo lugar na madrugada do 20 de febreiro na Rúa Dámaso Montes. “Nesta ocasión destruíu unha vivenda e non provocou unha traxedia de maiores dimensións grazas á pronta intervención de Protección Civil e dos bombeiros que evitaron que as chamas alcanzasen outras casas”, explicou o portavoz.
O BNG subliña que o patrón destes incendios indica a acción dun incendiario reincidente, que actúa sempre durante a noite, cando a capacidade de reacción da veciñanza é máis limitada. “O que máis preocupa a poboación non é só a existencia destes actos criminosos, senón a aparente incapacidade para evitalos”, advertiu Núñez.
O portavoz tamén destacou as consecuencias para a comunidade: “Pasados case seis anos e sete incendios, a comunidade do Regueiro vese confrontada con danos materiais importantes e un sentimento crecente de inseguranza, que levou algúns veciños a instalaren sistemas de alarma nas súas propias casas pola súa conta e risco. A falta de resultados na investigación, a ausencia dunha presenza disuasora e a inexistencia dunha posición firme por parte do executivo son inaceptábeis. A seguranza dos nosos veciños non pode ser un asunto secundario”.
Ante esta situación, o BNG presentará no Pleno previsto para este luns unha solicitude de explicacións detalladas sobre todas as dilixencias realizadas polo Concello desde 2020 para investigar os incendios e garantir a protección da veciñanza. Tamén reclamarán información sobre as xestións realizadas dentro da Xunta Local de Seguridade, co fin de reforzar a presenza policial e a actuación da Garda Civil, especialmente durante a noite, e instar ao Goberno local a presentar un plan de medidas concretas para evitar novos incidentes.