O BNG de Celanova logra o compromiso do Concello para a reapertura da oficina de Naturgy

OurenseXa
O acordo aprobado inclúe tamén un chamamento á Xunta e á Deputación para que se impliquen na defensa dos dereitos do rural e regulen a presenza territorial das grandes empresas que operan sobre recursos públicos
Ernesta Seoane
Ernesta Seoane
3 Jun 2025

O BNG de Celanova conseguiu que o Pleno do Concello aprobase por unanimidade da coroporación unha moción presentada pola súa portavoz municipal, Ernesta Seoane, na que se reclama a reapertura inmediata da oficina de atención ao público de Naturgy na vila, pechada recentemente de forma unilateral pola empresa.

A portavoz nacionalista sinalaba que esta decisión "constitúe un novo agravio contra a veciñanza das comarcas da Terras de Celanova e da Baixa Limia" e supón un retroceso nos dereitos da cidadanía ao acceso a servizos básicos.

Ernesta Seoane denunciou no Pleno que “esta oficina non era prescindible. Atendía diariamente numerosos trámites, ofrecía unha atención profesional e resolvía cuestións que, por outros medios, se tornan ineficaces ou imposibles”. A portavoz tamén advertiu das consecuencias sociais desta medida, especialmente para as persoas maiores: “A alternativa ofrecida, as xestións por teléfono ou internet, é, na práctica, unha farsa para unha poboación avellentada, con conectividade limitada e dificultades tecnolóxicas”.

O acordo aprobado inclúe tamén un chamamento á Xunta de Galicia e á Deputación de Ourense para que se impliquen na defensa dos dereitos do rural e regulen a presenza territorial das grandes empresas que operan sobre recursos públicos. “É inadmisíbel que empresas que obteñen enormes beneficios da explotación dos nosos recursos naturais, como a auga dos encoros da Baixa Limia, actúen con total impunidade”, afirmou Seoane durante a súa intervención.

O BNG considera que este novo peche encaixa nun proceso máis amplo de desmantelamento dos servizos básicos no rural galego e insta as institucións a asumir o seu papel de defensa do territorio e da veciñanza. A formación nacionalista trasladará este acordo aos concellos das comarcas da Terra de Celanova e da Baixa Limia para que se sumen á demanda.

⚙ Configurar cookies
0.14346313476562