O BNG de Ourense advirte de que Bases de execución do Orzamento 2025 “rozan a ilegalidade”

OurenseXa
Denuncian que de aprobarse o alcalde tería “a chave para facer e desfacer ao seu antollo, sen apenas control nin fiscalización por parte dos técnicos”
Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco
Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense
7 Jul 2025

Este luns, 7 de xullo, finaliza o prazo para a presentación de emendas ao Proxecto de orzamento para o exercicio 2025 aprobado en Comisión de Pleno e que o Goberno Jácome pretende aprobar a mediados do presente mes.

Coincidindo con esta data, o Grupo municipal do BNG no Concello, compareceu diante dos medios para expor a súa visión do documento e argumentar o seu posicionamento.

O Portavoz dos nacionalistas Luís Seara, lembrou na súa intervención que o seu grupo leva xa tempo reclamándolle ao Goberno local a presentación dun proxecto de orzamentos. “Dixemos que estabamos dispostos a sentar a falar na busca dun consenso que favorecera o interese xeral. Desa demanda, o Goberno so cumpriu coa primeira parte, que foi a de darnos traslado dun borrador de orzamento e eso si, logo de terllo proporcionado ao PP moito tempo antes”, explicou Seara.

“Dixemos que non era do noso agrado pero, aínda así, voltamos tenderlle a man a Jácome para dialogar coa idea de elaborar un documento adaptado á realidade de hoxe e dirixido á maioría social”, insistiu o voceiro. Porén, advirte, “unha vez máis recibimos a calada por resposta e os Grupos da Oposición, unha vez máis e agás o PP, fomos meros convidados de pedra, até o punto que o Alcalde dixo públicamente que co BNG non tiña nada que negociar”. 

Con esta situación, Seara sinalou que no seo do Grupo víronse diante de tres posibles alternativas, “non presentar emendas e debater o documento tal e como se nos presenta. Presentar emendas e intentar mover, dentro do escaso marxe que ofrece esta alternativa, diñeiro dunhas partidas a outras ou presentar unha emenda á totalidade pondo a nosa alternativa enriba da mesa. O Regulamento non é moi claro a este respecto pero non dí que non se poida facer”.

Mais, segundo o BNG, “o orzamento é moito máis que Ingresos e gastos. Onde está a chicha, e polo que case sempre se pasa de puntillas, é nas Bases de execución, que son as normas e procedementos que establecen o xeito en que se vai xestionar e executar o orzamento e aquí é onde está a nai do año”. 

Luís Seara afirma que “de aprobarse este orzamento, con estas Bases de execución, estaríamos dándolle a Jácome a chave para facer e desfacer ao seu antollo, sen apenas control nin fiscalización por parte dos técnicos encargados de tal tarefa, e a oposición como meros espectadores. Estariamos convertendo unha administración pública, que xestiona millóns de euros de diñeiro público, nun xoguete nas súas mans. O Concello sería cada vez máis Jolper e menos Concello”. 

Diante desta situación, a formación nacionalista entende que “non ten sentido algún entrar a discutir si hai que quitar 10 dun sitio para levar para outro, mentres consolidamos un modelo no que o alcalde teña liberdade total e absoluta para dispor dos cartos do Concello, cercenando ata límites que rozan a ilegalidade, o control e a fiscalización que teñen que execer determinados órganos, nomeadamente a Intervención Municipal e a Oficina de Xestión Económica e Orzamentaria e por suposto, a Oposición”. 

Seara explica que dentro das bases que se pretenden aprobar “cámbianse os procedementos para as modificacións de crédito, que por certo é o modelo que vai seguir empregando Jacome para os grandes proxectos e para as grandes inversión, dado que o orzamento non contempla un patacón para investimentos. As bases de execución van permitir que se poida cambiar o destino dun investimento logo de ser aprobado polo Pleno, sen que se volva pronunciar este, convertendo o clientelismo político en norma con rango de lei”. 

“Un exemplo moi gráfico, imaxinen vostedes que no mes de novembro o Goberno local leva unha modificación de crédito a Pleno por valor de 1 millón de euros para a reforma integral da alameda do barrio da Ponte. Esa modificación de crédito apróbase. Evidentemente, como se aproba a mediados de novembro e non da tempo a executala no que queda de 2025, os cartos pasan automaticamente ao exercicio 2026. ¿E que sucede? Pois que con estas Bases de execución, o Alcalde xa non terá a obriga de respectar ese acordo plenario. Poderá dispór dese diñeiro para gastar noutra cousa distinta á acordada polo Pleno”.

Algúns outros exemplos expostos polo BNG na rolda de prensa fan referencia a que, de aprobarse estas Bases de execución, os propios Concelleiros delegados, asinantes dos contratos de obra, van poder certificar esas obras sen necesidade de que o fagan os técnicos municipais. “Amplíanse dun xeito absolutamente desmesurado as bolsas de vinculación, o que lle permitirá a Jacome dispór de moitos máis cartos para poder mover ao seu antollo ou por exemplo, xa non será necesario pedir orzamentos previos nin aprobar RCs previos á contratación”, aseguran os nacionalistas. 

“Para nós”, insiste Seara, “o verdadeiramente grave e o verdadeiramente importante deste proxecto de orzamentos non está en canto se gasta en Medio Ambiente, en canto se gasta en Servizos Sociais ou en canto se gasta en Infraestruturas, porque ao final vaise gastar o que o Alcalde decida que se gaste e temos o exemplo do orzamento do ano 2020, programas dotados que non se executan e eses cartos van parar a outros gastos”.

“O grave, si se aproba este orzamento, insistimos, está nas Bases de execución, que consolidarían un modelo de xestión altamente perigoso para a estabilidade deste Concello”, afirma. Por iso, sinala que dende o seu grupo “non o imos permitir”, e xustifica o seu argumento insistindo en que “o modelo de xestión que se imporía no Concello de Ourense é altamente perigoso, posto que estaríamos dándolle liberdade practicamente que total e absoluta ao alcalde para poder dispór dos cartos do Concello, limitando e cercenando a capacidade de control e fiscalización dos técnicos e evidentemente da Oposición, e modificando procedementos administrativos a través de mecanismos de dubidosa legalidade para poder reducir tempos e para poder incluso pasar por riba das decisións que adopta o propio Pleno da Corporación”.

⚙ Configurar cookies
0.16476702690125