O BNG de Ourense conmemora a semana da Patria este luns cun roteiro polas rúas da cidade
O programa do Día da Patria deseñado polo BNG inclúe múltiples actos polas comarcas, vilas e cidades ao longo de toda a semana do 25 cunha importante axenda de encontros e en cuxa organización participan tanto as distintas agrupacións da forza nacionalista como a base social e militante.
No caso do BNG de Ourense, o principal acto terá lugar no serán deste luns día 22 de xullo e consistirá nun roteiro que comezará na zona das Burgas ás 20:30 horas co despregamento dunha bandeira galega para posteriormente continuar cun roteiro polas principais rúas da zona histórica da cidade, amenizado polo grupo musical “Airiños de Caldelas” e con paradas para a lectura de poemas diante das esculturas homenaxe a Blanco Amor na Praza Bispo Cesáreo, a Alexandre Bóveda na rúa da Barreira ou a Castelao na Praza da Imprenta. O percorrido rematará no Xardín do Posío coa lectura dun manifesto e con xogos populares para amenizar a tarde.
Ao tempo, desde a Organización nacionalista fan un chamamento á veciñanza para participar nos actos do vindeiro 25 de xullo en Compostela, unha data referencial no calendario e que culminará cunha gran manifestación a partir das 12:00 horas polas rúas compostelás.