O BNG de Ourense cualifica a supresión da ORA de “capricho do alcalde” e advirte das posibles consecuencias económicas

O Grupo municipal do BNG en Ourense volve a poñer o foco nas posibles consecuencias económicas da supereción do servizo da ORA, á que cualifica como “capricho do alcalde”. Para os nacionalistas, a súa entrada en vigor o pasado 1 de xaneiro non só xerou “o caos total e absoluto na mobilidade da cidade no seu conxunto”, senón que podería ter tamén “graves repercusións económicas para as arcas municipais”.
O portavoz do BNG, Luís Seara, reclamou ao Goberno Local que aclare se aceptará “na súa integridade a liquidación presentada pola concesionaria, incluídas as indemnizacións ás e aos traballadores despedidos” e se se asumirá tamén o prezo ofertado para continuar prestando o servizo de guindastre.
A liquidación reclamada pola empresa ascende a un total de 1.101.009,60 euros, que se desglosan en 786.938,53 euros por diferenzas de IVE, revisión de prezos e intereses, e 314.071,10 euros en concepto de indemnizacións aos traballadores afectados pola supresión do servizo. “Estamos falando dun total de 1.101.009,60 euros”, subliña Seara, quen engade que é necesario que o Goberno local aclare se se asumirá ou se se realizará unha auditoría para certificar a exactitude das cantidades.
O BNG advirte que a situación “pode ter graves consecuencias para as arcas municipais tanto no suposto de que se asuma a liquidación presentada como naquel no que se opte por xudicializar a mesma, escenario que, tal e como temos visto noutros casos, nunca favorece aos intereses do Concello”. Seara sinala que isto débese “polo capricho e pola improvisación do alcalde á hora de tomar decisións sen ningún tipo de soporte técnico nin estudo previo que avalíe unhas consecuencias que ao final acabamos pagando toda a veciñanza dos nosos petos”.
Ademais, o BNG cuestiona o orzamento presentado pola concesionaria para continuar co servizo de guindastre, que ascende a 1.355.189,29 euros. “É moi similar ao prezo do contrato no que ademais do guindastre tamén se prestaba o servizo da ORA”, indica Seara, engadindo que “resulta curioso como agora o guindastre en solitario vainos costar case tanto como o guindastre e a ORA xuntos”. Segundo os técnicos municipais, esta cifra podería rebaixarse ata case medio millón de euros, e o máis adecuado sería sacar a licitación pública do servizo para garantir a oferta máis vantaxosa para o Concello.
O BNG anuncia que solicitará explicacións ao Goberno Local diante dunha situación que consideran “altamente gravosa para as arcas municipais e polo tanto para a veciñanza no seu conxunto”.