O BNG de Ourense esixe á Xunta e ao Concello melloras no Servizo de Axuda no Fogar

OurenseXa
Reclaman á Xunta un incremento do financiamento até os 20 euros por hora e que sexa o Concello quen asuma o incremento que a nova concesionaria está aplicando aos usuarios
bng_ourense
2 Sep 2025

O Grupo municipal do BNG levará ao Pleno do Concello de Ourense, previsto para este venres 5 de setembro, a situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e esixirá medidas concretas para mellorar a atención ás persoas dependentes.

Entre as propostas, destacan que o Concello asuma o incremento de até un 30 % nas aportacións que a empresa adxudicataria está a comunicar ás usuarias e usuarios, así como o apoio para reclamar á Xunta de Galicia un aumento da retribución do servizo até os 20 euros por hora, a redución dos tempos de valoración e un maior investimento por persoa dependente.

O portavoz do BNG, Luís Seara, subliña que “o sistema público de atención á dependencia en Galiza está a sufrir un preocupante proceso de desmantelamento, como vimos denunciando insistentemente desde o BNG”, e engade que “lonxe de garantir os dereitos das persoas dependentes, a política da Xunta de Galiza do PP, está centrada nun modelo asistencialista e privatizador que empobrece o servizo público e devolve os coidados ao ámbito doméstico, recaendo maioritariamente sobre as mulleres”.

Na actualidade, máis de 2.000 persoas en Galicia agardan pola valoración da dependencia, duplicando o prazo establecido pola Lei de Dependencia, cunha media de espera de 361 días, o que sitúa Galicia como a cuarta comunidade con maior atraso no acceso ás prestacións. Ademais, Galicia é a autonomía que menos inviste por persoa dependente, cun gasto medio anual de 1.317 euros fronte aos case 2.000 da media estatal. Segundo Seara, “por primeira vez, hai máis persoas dependentes en Galiza pagando unha residencia privada que ocupando unha praza pública ou concertada. Máis de 7.400 persoas reciben unha axuda de entre 361 e 420 euros ao mes, mentres o custo medio dunha residencia supera os 2.000 euros”.

No caso concreto de Ourense, o SAF vén de ser licitado novamente, coa polémica de que a empresa adxudicataria, Clece SA, pertence ao mesmo grupo que viña prestando o servizo, só con distinta denominación. Seara lembra que “falamos dun servizo fundamental pero lastrado ao longo dos últimos anos polos incumprimentos sistemáticos da adxudicataria como por exemplo na demora inxustificada das altas no servizo, superando moi por riba o tempo establecido. Incumprimentos producidos diante da pasividade do Goberno local”.

O portavoz tamén sinala que “estamos diante dun Servizo municipal que conleva un custe para as arcas municipais próximo aos doce millóns de euros pero que ao mesmo tempo, está tendo repercusión económica nas propias usuarias e usuarios a quenes a empresa adxudicataria lles está comunicando un incremento de até un 30 % da aportación que teñen que realizar, incremento que en moitos dos casos e debido á situación persoal, familiar e económica das persoas afectadas, supoñen un gasto excesivo e inasumible”.

O BNG insta ao Concello a tomar medidas de compensación e a apoiar cambios na política da Xunta de Galicia, insistindo en que “é imprescindíbel que o Pleno do Concello se tome partido en defensa do sistema público de atención á dependencia e esixa á Xunta de Galiza un cambio radical nas súas políticas”.

⚙ Configurar cookies
0.16995191574097