O BNG de Ourense non descarta solicitar unha comisión de investigación pola situación da discoteca Macao

OurenseXa
Piden cautela antes de “adoptar unha decisión que poda rematar co Concello nos tribunais e tendo que facer fronte no futuro a indemnizacións de cuantiosa contía”
Luis-seara-bng-ourense
Luis Seara
18 Feb 2025

A principios deste mes de febreiro, o grupo municipal do BNG no Concello de Ourense luns solicitou formalmente ao Concelleiro delegado de Urbanismo Francisco Lorenzo, “a convocatoria urxente dunha Xunta de Área de Urbanismo para abordar todo o que está acontecendo co expediente relativo á discoteca Macao e a súa posible reapertura”.

Precisamente este martes, o BNG levará á Xunta de Área de Urbanismo unha batería de preguntas respecto á situación desta discoteca, non descartando que de non ser atendidas “adoptemos outras medidas como a de solicitar a creación dunha comisión de investigación”.

Tal e como xa advertiu no seu momento o portavoz dos nacionalistas Luís Seara, “existen moitas dúbidas en torno a este establecemento, cuxo cese de actividade decretouse no seu momento como consecuencia da realización de obras no seu interior sen a previa e necesaria autorización municipal”.

Seara vai máis alá ao sinalar que, “visto o expediente, chama moito a atención como reiteradamente os expedientes para a revocación da licencia de apertura non foron resoltos en tempo e forma, impedindo polo tanto dita revocación e moito máis como agora, no que o último expediente aberto tamén está na fase de caducidade, decídese obviar dita situación, promovendo o sobreseemento do mesmo e permitindo deste xeito que o local poda abrir de novo ao público”.
Por iso, o BNG pediu que o Concelleiro delegado de Urbanismo “compareza, ofreza todas as explicacións sobre o porqué deste proceder e responda a todas as dúbidas e preguntas que poidamos formular desde a Oposición, que xa adianto, son moitas”.

Outro dos motivos que levaron ao BNG á petición dunha Xunta de Área de Urbanismo para falar monográficamente da discoteca é “a evidente inquedanza que esta posible reapertura está a xerar na veciñanza da zona pois teñen no recordo as molestias e os prexuízos sufridos por parte dun establecemento pechado e precintado no seu día pola Policía Local e ao cal se lle pretende autorizar a reapertura en base a unha licenza que non debía estar en vigor e en todo caso, sen cumprir coa normativa actual relativa a accesibilidade e seguridade”.

Finalmente, desde o BNG advirten igualmente das consecuencias que, en termos económicos pode ter para as arcas municipais, “adoptar unha decisión que poda rematar co Concello nos tribunais e tendo que facer fronte no futuro a indemnizacións de cuantiosa contía, algo que por desgraza é habitual no Concello de Ourense se de decisións urbanísticas falamos”.

0.13972592353821