O BNG de Ourense propón a creación dunha empresa pública de vivenda

OurenseXa
A formación nacionalista propón tamén a creación dunha oficina municipal de emancipación xuvenil, co obxectivo de contribuír a paliar as dificultades de acceso á vivenda
bng-ourense
Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense
30 Apr 2025

O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense, defenderá no Pleno previsto para este venres día dous de maio, a posibilidade de crear unha empresa pública de vivenda “cuxo obxectivo sexa a adquisición de vivendas para a conformación dun parque de vivendas públicas” así como a posta en funcionamento dunha oficina de emancipación xuvenil que permita “asesorar e orientar ás mozas e mozos en todo o proceso de emancipación”.

E é que tal e como sinala o Portavoz do BNG Luís Seara, “as veciñas e os veciños de Ourense padecen un dos alugueiros máis caros de toda Galiza. Nunca foi tan caro como até o de agora alugar unha vivenda no noso concello” e engade, “cos últimos datos coñecidos, en Ourense o prezo do aluguer incrementouse preto dun 55% na última década, pasando de custar arredor de 350 euros no ano 2015 a aproximadamente 540 euros a día de hoxe. Unha suba palpable en calquera barrio da cidade sen excepción”.

Diante desta situación, Seara entende que “as administracións non poden permanecer alleas a esta realidade e cómpre que todas elas, dentro do seu ámbito competencial, adopten as medidas necesarias para paliar unha escalada de prezos que ameaza moi seriamente a boa parte da veciñanza que observa, impotente, como xa non é que boa parte do seu salario teña que ser dedicado ao pagamento dun aluguer senón que tan sequera atopa vivendas ás que acceder”.

Desde o Grupo municipal do BNG lembran que xa no seu día, e a través dunha moción, “instamos á inclusión de Ourense no Plan de Vivenda Pública impulsado polo Estado e pola Xunta de Galiza. Hoxe propomos a creación dunha empresa municipal de vivenda cuxo obxectivo sexa a adquisición de vivendas para a conformación dun parque de vivendas públicas”.

“Igualmente propomos a creación dunha Oficina Municipal de Emancipación Xuvenil, cuxo obxectivo é acompañar e orientar ás mozas e mozos na busca e sinatura do seu contrato de aluguer así como actuar de mediador entre as partes de ser o caso así como orientar sobre todos os trámites e procedementos burocráticos necesarios ao longo de todo o proceso de emancipación, algo que todas e todos vivimos nalgún momento das nosas vidas e no que toda axuda é ben recibida”.

Luís Seara enmarca a creación desta Oficina “na necesidade de que a xente moza sinta que tamén son parte do Concello de Ourense e que, polo tanto, atopen unha institución que os axude e os acompañe, neste caso, se o que buscan é iniciar un proxecto de vida”.

⚙ Configurar cookies
0.15687394142151