O BNG de Ourense propón aplicar recargas sobre o IBI a vivendas baleiras

O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense, defenderá unha moción no Pleno do mes de marzo, previsto para este mesmo venres día 6, na que propoñen aplicar recargas sobre o IBI a aquelas vivendas que permanezan baleiras e sen saír ao mercado durante máis de dous anos.
A moción, rexistrada este luns, está baseada no Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais e máis concretamente no seu artigo 72.4, que habilita aos Concellos a aplicar recargas sobre a cota líquida do IBI ás vivendas que permanezan desocupadas de forma permanente.
O voceiro nacionalista, Luís Seara, defende que “a vivenda constitúe un ben esencial e un recurso de uso imprescindible para o desenvolvemento das persoas, tal e como recoñece a diversa lexislación en materia social e urbanística”. Porén, destaca, “o acceso a unha vivenda digna resulta cada vez máis difícil para a maioría da poboación, debido ao incremento constante dos prezos e á progresiva desconexión entre estes e a capacidade económica das rendas comúns”.
Os nacionalistas poñen de manifesto a elevada cantidade de vivenda desocupada existente no caso da cidade de Ourense, onde se estima que arredor de 15.000 vivendas, o 21% do total, permanecen baleiras. Esta cifra, afirma Seara, “evidencia un aproveitamento ineficiente do parque residencial”, que lembra que “os Concellos, no ámbito das súas competencias, dispoñen de instrumentos fiscais e regulamentarios que permiten incentivar o uso efectivo das vivendas e desincentivar a súa desocupación prolongada cando non existe causa xustificada”.
Por iso, consideran acaído que o Concello de Ourense adapte a súa Ordenanza fiscal número 1, reguladora do IBI, “para incorporar mecanismos que permitan combater a desocupación prolongada das vivendas pertencentes a grandes tenedores ao tempo que se articula un procedemento garantista para a declaración formal de vivenda desocupada”.
A proposta nacionalista consiste en modificar a actual Ordenanza e incorporar, con efectos desde o 1 de xaneiro de 2027, recargas sobre a cota líquida do imposto para inmobles de uso residencial “que pertenzan a titulares de catro ou máis inmobles de uso residencial e que se atopen desocupados con carácter permanente e sen causa xustificada por un período superior a dous anos”.
As recargas a aplicar, explican, serán dun 50% da cota líquida do IBI para cada vivenda declarada desocupada por máis de dous anos. Un 100% da cota líquida do IBI para cada vivenda declarada desocupada por máis de tres anos e un 50 % adicional, acumulable ás recargas anteriores, para cada vivenda declarada desocupada cando o titular posúa dúas ou máis vivendas desocupadas no termo municipal”.
Ademais, propoñen a redacción dun Regulamento para a declaración de vivenda desocupada permanente, “que garanta a preceptiva defensa da propiedade sobre a existencia de causas xustificativas da vivenda baleira así como a publicación anual do censo de vivendas gravadas co recargo para garantir a máxima transparencia”.