O BNG de Ourense rexeita o orzamento do CMD e denuncia a falta de informes “básicos”

O grupo municipal do BNG amosou o seu rexeitamento ao orzamento do Consello Municipal de Deportes (CMD) para 2026, ao considerar que se trata dun documento “continuísta” e elaborado sen cumprir con todos os requisitos formais.
As contas foron presentadas polo Goberno local na reunión do Consello Reitor celebrada este martes, despois de seren retiradas a pasada semana dunha sesión extraordinaria. Naquel momento, o presidente do organismo autónomo, Aníbal Pereira, xustificara a retirada pola necesidade de corrixir un erro e de escoitar as achegas dos grupos municipais.
Porén, o portavoz municipal do BNG e representante no CMD, Luís Seara, cuestionou este proceso ao asegurar que “dita xuntanza xa non ten sentido a estas alturas e o único que busca é lavar a cara do PP, único grupo co que negocia o Goberno local”.
Desde a formación nacionalista consideran que o orzamento presentado supón “máis do mesmo”, xa que, a pesar de incrementarse nun 8,86 % respecto ao ano anterior, “son unha mera suma de saldos, non aportan ningunha novidade, son continuístas, faltas de ambición e carentes de investimentos”. Ademais, critican a inclusión de catro subvencións nominativas que, ao seu xuízo, non deberían figurar nestas contas.
O BNG tamén alerta de que non se prevé reforzar o persoal do organismo, o que implicará, segundo Seara, manter os problemas existentes. “Non está previsto aumentar o persoal existente a día de hoxe e polo tanto cubrir as prazas vacantes, polo que seguiremos tendo neste exercicio os mesmos problemas que no pasado”, advertiu, engadindo ademais que non se produciu a “obrigada negociación cos sindicatos”.
Outro dos aspectos que centra as críticas do grupo nacionalista é a tramitación do expediente. Segundo denuncian, as contas “carecen dun informe que para nós é fundamental como é o da Intervención municipal”.
Neste sentido, lembran tamén que falta a acta da Mesa Xeral de Negociación que acredite o diálogo cos sindicatos, un trámite que consideran imprescindible para evitar situacións como a vivida co orzamento municipal de 2020, que foi parcialmente anulado pola xustiza.
Ante esta situación, Seara foi contundente ao afirmar que “o BNG non pode validar unhas contas que están mal tramitadas, coa ausencia de informes relevantes e preceptivos e que ademais son continuístas, non aportan nada novo máis alá de seguir afortalando vellas prácticas que Democracia Ourensana cuestionaba duramente cando era oposición e que agora non só mantén senón que promove”.