O BNG de Pereiro de Aguiar denuncia carencias no servizo de Correos do municipio

O BNG de Pereiro de Aguiar denuncia diversas carencias no servizo de correos que se presta actualmente na oficina postal de Correos do municipio. Concretamente, o voceiro nacionalista, Rubén García, critica que a praza de carteiro na oficina da Derrasa está cuberta por persoal eventual e “non cumpre coas necesidades que a poboación do noso concello ten”.
García sinala que “esta persoa é a que se encarga de abrir a oficina despois do reparto, sendo totalmente insuficientes as apenas dúas horas que permanece aberta para a atención ao público”, e asegura que “o volume de traballo e a localización da oficina obrigan a que esta deba ampliar a súa atención e que a praza sexa dotada estruturalmente por persoal fixo, algo que permitiría prestar un mellor servizo”.
Dende o BNG piden ao Goberno local que, como acontece nos Concellos da contorna como é o caso de Nogueira de Ramuín, Coles, Amoeiro ou A Peroxa, “se lle ceda un local municipal a Correos de xeito gratuíto para a prestación dun servizo postal universal como servizo postal básico e obrigatorio, algo que non acontece co actual local situado na Derrasa”.