O BNG de Vilamarín pide solucións urxentes tras os recentes cortes no subministro de auga

OurenseXa
Segundo denunciou o portavoz municipal, Breixo Fernández, os cortes prolongáronse durante xornadas enteiras e afectaron a todo o concello
Breixo Fernández e Lucía González
Breixo Fernández e Lucía González, BNG de Vilamarín
5 Aug 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vilamarín reclamou este luns investimentos urxentes tras os graves problemas rexistrados no subministro de auga en varias parroquias do municipio durante os últimos días.

Segundo denunciou o portavoz municipal, Breixo Fernández, os cortes prolongáronse durante xornadas enteiras e afectaron a todo o concello, con especial incidencia en lugares como Boimorto, A Pena ou Río, onde a veciñanza chegou a estar ata tres días sen servizo. O BNG tamén sinalou o impacto económico desta situación, particularmente no sector da hostalaría, onde varios negocios se viron obrigados a cancelar ou desviar reservas durante a fin de semana.

Desde a formación nacionalista destacaron "a actitude exemplar da veciñanza", que amosou paciencia e colaboración ante un contexto "especialmente difícil", e tamén valoraron o traballo do persoal municipal, que “traballou contrarreloxo a pesar da evidente falta de medios”. O BNG fixo ademais un chamamento a realizar un consumo responsable mentres non se estabilice por completo a rede.

Unha vez superada a fase máis crítica, o BNG esixe que se depuren responsabilidades dentro do grupo de goberno local, ao que acusan de falta de previsión e abandono no mantemento da rede de abastecemento. Aseguran ademais que os problemas se estenden a outras infraestruturas municipais, como as de saneamento, inexistentes en moitas zonas do municipio.

Entre as demandas da formación inclúese a elaboración inmediata dun plan de actuación urxente para corrixir as deficiencias detectadas e maior transparencia á hora de informar sobre o estado real das instalacións.

“Non podemos seguir dependendo da sorte ou do traballo contrarreloxo cando falla unha infraestrutura tan esencial para o desenvolvemento da vida”, apuntou Breixo Fernández, portavoz do BNG local.

Ademais, piden “un compromiso firme co investimento público para garantir un servizo esencial que sexa digno, estable e resiliente”.

⚙ Configurar cookies
0.29956698417664