O BNG de Villamarín pide establecer un Plan de limpeza de sumidoiros e cunetas no municipio
O Grupo municipal do BNG no Concello de Vilamarín, rexistrou unha iniciativa diante do Pleno municipal co obxectivo de pór fin aos “episodios de inundacións, que son cada vez maiores e poñen en evidencia a falta de mantemento de cunetas e sumidoiros no noso termo municipal”.
Así o sinala o Portavoz dos nacionalistas no Concello Breixo Fernández, quen sinala que “a limpeza destes condutos é fundamental para que a auga teña un percorrido claro que se aproxime o mais posible ao seu leito natural e, deste xeito, se eviten as continuas inundacións, riadas ou atascos”.
É e que tal e como argumentan desde o BNG na súa moción, “vemos como cada ano as choivas son máis intensas e frecuentes, provocando problemas de mobilidade en pistas totalmente anegadas ou mesmo causando graves prexuízos á veciñanza co anegamento das súas vivendas e garaxes”.
Din desde a formación nacionalista que esta iniciativa parte da “crecente preocupación polo estado das cunetas en lugares como Arbor, Oxen, Gosende, A Pica ou Bainte e unha vez comprobado que este non é un problema puntual deses lugares senón que é estrutural, entendéndose por todo o termo municipal”, e engaden, “consideramos que é prioritario que o Concello actúe en todo o territorio municipal”.
Breixo Fernández entende necesario que para evitar que este problema se reproduza todos os anos “é preciso que elaborar un plan que contemple un mantemento periódico de cunetas e sumidoiros, independentemente de que a titularidade dos terreos sexa ou non municipal, motivo polo que instamos ao Goberno Local a que antes de que comece o inverno se inicien as tarefas de limpeza de cunetas, sumidoiros ou calquera outro conduto cuxa falta de limpeza incremente o risco de inundacións con independencia de cal sexa a titularidade dos mesmos”.