O BNG de Xunqueira de Ambía denuncia falta de mantemento en vías, cemiterios e colectores de lixo

As nacionalistas instan a Concello a actuar fronte ao “abandono e falta de atención” en diferentes servizos municipais
contedores-rotos-xunqueira-de-ambia
26 Sep 2025

O BNG de Xunqueira de Ambía denunciou no pleno deste mes de setembro a falta de mantemento en vías, cemiterios e colectores de lixo no termo municipal, logo de recibir queixas da veciñanza que os nacionalistas trasladaron ao Goberno municipal, denunciando o “abandono e falta de atención” en diferentes servizos municipais.

Entre as incidencias destacadas, sinalan, atópase unha vertedura de alquitrán nunha cuneta en Bobadela, provocada durante o parcheo dunha estrada por parte dos traballadores municipais, e alertan de que esta vertedura non só afecta á calidade do parcheo, senón que supón unha grave contaminación ambiental.

Sinalan, ademais, o estado deficiente dos colectores de lixo en distintos núcleos do municipio. Neste senso, denuncian, “as queixas da veciñanza sobre o servizo de recollida de lixo son constantes”.

No caso dos cemiterios municipais, lebran que as queixas por parte da veciñanza non son unha novidade, e advirten de que no caso concreto do de Xunqueira de Ambía, require “unha intervención urxente pola caída de polas das árbores, o que xera perigo para as persoas que visitan o lugar”. Dende o BNG lembran que “non é a primeira vez que se denuncia este feito e o Concello segue mirando para outro lado”.

⚙ Configurar cookies
0.10584497451782