O BNG de Xunqueira de Ambía pide un plan integral de limpeza de cara ás festas

O BNG de Xunqueira de Ambía rexistrou a pasada semana no Concello a solicitude de poñer en marcha con urxencia un plan integral de limpeza, hixiene e seguridade co motivo da próxima celebración das Festas da Asunción o 15 de agosto.
Desde o BNG insisten en garantir unhas festas que respecten a salubridade, a convivencia e os espazos públicos, para que todas as persoas poidan desfrutar dun xeito seguro e responsable.
Ademais, denuncian que durante as festas do ano pasado a veciñanza tivo que asumir a limpeza das rúas e dos accesos ás súas casas pola falta de dispositivos públicos suficientes. Tamén sinalan que os accesos á igrexa e o percorrido da procesión tiveron que ser condicionados polos feligreses antes da saída.
Por outra banda, lembran que a inexistencia de baños públicos provocou que moitas persoas usasen propiedades privadas para necesidades fisiolóxicas. Ademais, no parque infantil apareceron cristais e residuos perigosos, sen que se fixese unha revisión previa para a súa reapertura.
Por todo iso, o BNG pide ao goberno municipal maior previsión para as festas deste ano, que se celebran durante a ponte de agosto. Solicitan o reforzo dos servizos de limpeza, a instalación de baños públicos portátiles con mantemento periódico, o peche temporal do parque infantil e a comprobación das súas instalacións antes da reapertura. Tamén piden a colocación de colectores e papeleiras e o reforzo da recollida de residuos.
Ademais, reclaman a sinalización dos accesos e saídas de emerxencia, un plan específico de limpeza nos arredores da igrexa e control para evitar o uso inadecuado de vivendas privadas, co fin de evitar molestias para a veciñanza.