O BNG de Xunqueira de Ambía tacha de “incoherente” a postura do Goberno municipal respecto á planta de biogás

O BNG de Xunqueira de Ambía critica a postura do Goberno municipal sobre a planta de biogás proxectada no municipio, calificando de “incoherente” a posición do alcalde José Luis Gavilanes e do seu goberno do PP, tras coñecerse que o Concello puxo a disposición da veciñanza a Casa Consistorial para presentar alegacións en contra dun proxecto que o propio goberno apoiou en 2024.
Agora, sinalan os nacionalistas, “o señor alcalde, despois de apoiar o proxecto, decide opoñerse ao seu partido e facer oposición a si mesmo”.
Precismante, o grupo provincial do BNG levará mañá ao pleno da Deputación unha moción na que pedirán o apoio da corporación provincial para “instar á Xunta de Galicia á inmediata elaboración dunha normativa específica que regule a implantación das plantas de biogás, establecendo distancias mínimas respecto dos núcleos habitados, tal e como xa fan outras comunidades autónomas, e á paralización da tramitación do proxecto mentres non exista dita regulación”.
Ademais, demandan a ampliación do prazo de alegacións en trinta días adicionais a contar desde a data na que se puido acceder efectivamente ao proxecto técnico, co fin de garantir a participación real da veciñanza e das entidades afectadas, e lembran que o expediente estivo unha semana sen acceso público tras a súa publicación no DOG. Os nacionalistas piden tamén que os servizos técnicos e xurídicos da Deputación elaboren alegacións en defensa dos intereses da veciñanza da Limia, dado que consideran que “unha avaliación técnica rigorosa chegaría á mesma conclusión ca nós: que se trata dun proxecto inviable”.
Os nacionalistas piden á Deputación de Ourense que non destine fondos públicos nin recursos materiais nin humanos á instalación de macroplantas de biogás ou biometano, xa que consideran que “estas infraestruturas xa están hiperfinanciadas a través dos fondos Next Generation e carecen de retorno social ou ambiental para o territorio”. Por iso, propoñen a creación dun programa formativo e informativo dirixido á cidadanía e ao sector agrogandeiro para divulgar “as vantaxes das pequenas plantas de biogás vinculadas ás explotacións locais e orientadas ao autoconsumo enerxético como modelo sostible e de economía circular”.
“Estamos ante unha macroplanta con capacidade para tratar 166.000 toneladas anuais de residuos, das cales máis de 80.000 serían puríns líquidos, situada nunha zona inundable e a escasos metros dunha ZEPA”, advertiu o voceiro provincial do BNG, Bernardo Varela, que denuncia que “o proxecto non só é ambientalmente temerario, senón que ignora a realidade territorial e os riscos evidentes para as augas subterráneas e os mananciais da Limia”.
Varela subliña ademais que “a empresa promotora pretende empregar o subproduto resultante do proceso, o chamado dixestato, como ‘biofertilizante verde líquido’, malia estar cargado de nitratos, o que suporía a súa vertedura directa sobre unha zona vulnerable a nitratos”.
O deputado nacionalista destacou tamén o agravio coa veciñanza, logo de que no propio proxecto se xustifique a elección do emprazamento “por tratarse dunha zona cunha suposta baixa capacidade de resposta cidadá, debido ao envellecemento da poboación”.