O BNG demanda a creación dun foro socioeconómico ourensán para mellorar o mercado laboral na provincia

OurenseXa
Os nacionalistas demandan a intermediación pública cos axentes económicos para mellorar o mercado laboral da provincia de Ourense
bng_ourense_provincia
Grupo provincial do BNG en Ourense
27 Maio 2024

O grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense compareceu na mañá deste luns, 27 de maio, ante os medios de comunicación para dar conta da inciativa que os nacionalistas presentarán ao pleno do ente provincial o vindeiro venres 31 de maio.

A deputada provincial María Mangana demandou a creación dun foro socioeconómico ourensán, coa participación dos sectores empresariais (CEO, AJE, Asociación de autónomas e autónomos), sindicatos de operarios e agricultores, administracións públicas (Estado, Xunta e Deputación de Ourense) e Universidade, para elaborar un documento de propostas para a mellora da situación do mercado laboral da provincia de Ourense.

“Esta é unha proposta que garda moita relación coa xa presentada no mes de decembro de 2023 polo BNG relativa a dar un impulso aos parques industriais de Ourense” declarou María Mangana.

Os nacionalistas presentan esta demanda ante o ente provincial motivada polo recente informe da Confederación Intersindical Galega (CIG) que evidencia, a través de datos públicos facilitados pola Seguridade Social, a preocupante situación do mercado laboral que padece Ourense.

Así desde o BNG comezaron resaltando o forte declive demográfico que padece a provincia e que implica unha importante incidencia directa no mercado de traballo. Unha provincia que é a que ten os salarios máis baixos da Galiza e na que se se ten en conta a inflación acumulada, en termos reais os salarios descenderon nos últimos oito anos, mentres que no resto do País medraron unha décima, afirmaba a deputada nacionalista.

Como principais características da situación do actual mercado laboral da provincia sinaláronse o empeoramento da muller no mercado laboral de Ourense tras a última reforma laboral aumentando a fenda laboral e a taxa de temporalidade ou polo tipo de contrato; a alta porcentaxe de poboación desocupada en toda provincia; o importante incremento das desigualdades da clase traballadora e mesmo o como o 35% da poboación ourensá obtivo ingresos por baixo do salario mínimo interprofesional.

Mangan remataba cunha das conclusións do informe da CIG, que afirma que nos sectores produtivos directos, como a construción, o primario e industria, descende o número de empregos e empregadas e mantense o de servizos e o asistencial, “o que non é un bo indicador laboral xa que aumenta a dependencia dos recursos económicos derivados das pensións, en lugar da remuneración salarial por emprego activo.”

A deputada nacionalista clarificaba que os traballos e conclusións deste Foro de Traballo proposto polo BNG na deputación de Ourense deberá aportar as súas conclusións no prazo máximo de seis meses desde a súa constitución.

0.20259308815002