O BNG denuncia a deturpación constante do topónimo oficial da provincia de Ourense

OurenseXa
O BNG de Ourense levará ao Pleno os incumprimento da Ordenanza de normalización lingüística e a deturpación constante do topónimo oficial do concello e da provincia
grupo_municipal_bng_concello_de_ourense
Grupo Municipal do BNG do Concello de Ourense
29 Apr 2024

O Pleno que o Concello de Ourense celebrará o vindeiro venres, debaterá a moción rexistrada polo Grupo municipal do BNG e na que se solicita, entre outros acordos, o cumprimento da Ordenanza municipal de normalización lingüística e, nomeadamente, deixar de deturpar o topónimo oficial do Concello, da cidade e da provincia “Ourense”.

Blanco fai referencia o sinalado no artigo 5.1 e 5.3 da Lei Orgánica 1/1981 de 6 de abril, do Estatuto de Autonomía de Galiza “que establece claramente que “a lingua propia de Galiza é o galego e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”.

Ao tempo, desde o Grupo municipal do BNG entende preciso dar cumprimento á Ordenanza municipal de normalización lingüística, “na que atopamos como no seu artigo XIX estabelécese que, consonte o artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do Concello de Ourense é a galega. Igualmente, no artigo XIV determínase que os cargos do Concello expresaranse normalmente en galego nos actos públicos celebrados en Galiza sempre que a intervención sexa por razóns propias do cargo”.

E é que tal e como lembran desde o BNG, “coñecido é o desprezo do actual Goberno Local pola cultura propia do país, non temos máis que ollar como se deturpan continuamente festas e tradicións que son propias e que contan ademais cunha denominación de seu como son o caso do Samaín ou do Entroido, sendo deturpadas continuamente polos e polas membros do actual Executivo local ao referirse a elas como Halloween ou Carnaval”.

“Tamén é coñecido e resulta moito máis ferinte a deturpación constante do nome e topónimo oficial do Concello, da cidade e da provincia. As referencias continuas a Orense e non Ourense contribúen moi negativamente a perpetuar unha denominación imposta durante a ditadura franquista e que a mediados dos anos noventa propiciou unha mobilización social sen precedentes, que poderiamos denominar revolución do OU, e cuxo obxectivo non era outro que recuperar a oficialidade da nosa denominación, Ourense”.

En base a todo o anterior é polo que desde o BNG instarán á Corporación municipal ao cumprimento da Ordenanza municipal de Normalización Lingüística e, especialmente, a deixar de deturpar o topónimo oficial do concello, da cidade e da provincia así como a dotar dos medios materiais e humanos precisos ao Servizo de normalización lingüística para que poda exercer as competencias que ten atribuídas na Ordenanza Municipal de normalización lingüística.

Igualmente pedirán á posta en marcha dunha campaña de divulgación e potenciación do uso do galego entre a sociedade e nomeadamente entre as crianzas e a mocidade e pedirán apoio para censurar a actitude e labor do Goberno Local pola súa negativa a reivindicar o Día das Letras Galegas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15115213394165