O BNG denuncia a falta de convocatoria de plenos ordinarios en Xunqueira de Ambía

O BNG de Xunqueira de Ambía denunciou publicamente a ausencia de sesións plenarias ordinarias no Concello desde o pasado 3 de outubro de 2024. Segundo aseguran desde a formación, esta situación vulnera os principios de transparencia e o correcto funcionamento democrático da institución municipal.
Tal como foi acordado ao comezo do mandato, os plenos ordinarios deben celebrarse cada dous meses, concretamente o último venres de cada mes. Sen embargo, segundo o BNG, esta norma non se está a cumprir, xa que levan máis de 150 días sen que o alcalde convoque un pleno, o que supón "un incumprimento tanto do compromiso adquirido como da normativa vixente".
Desde o grupo nacionalista instan ao alcalde, José Luis Gavilanes, a que convoque as sesións coa periodicidade establecida, recordando que "a participación e o debate público son piares fundamentais para garantir a saúde democrática do municipio".