O BNG denuncia a “pasividade” do executivo de Pérez Jácome ante “os incumprimentos por parte da concesionaria do SAF”

OurenseXa
A Concelleira Rhut Reza sinala que “a empresa demora constantemente as altas no servizo e todo diante da pasividade e inacción do Goberno Jácome”
Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco
BNG Ourense
28 Apr 2025

A concesión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ourense atópase neste momento e “como tantos outros”, en período de prórroga e a espera de ser renovado, tal e como denuncian dende o grupo municipal do BNG no Concello de Ourense. Dito proceso de licitación atópase xa na última fase do proceso mais o certo é que, a día de hoxe, son constantes os incumprimentos de contrato por parte da empresa actualmente prestadora do Servizo, Samaín Servizos á comunidade S.A.

A Concelleira do Grupo municipal do BNG Rhut Reza, advirte que “esta empresa demora constantemente as altas no servizo moi por riba do tempo establecido e faino diante da pasividade do Goberno Local” e engade, “esta empresa leva incumprindo o contrato desde finais do ano 2022 motivo polo que en 2023 se lle abriu un expediente de penalización por até cinco infraccións graves”.

Segundo Rhut Reza “a día de hoxe a concesionaria segue incumprindo pero parece que ao Goberno Jácome pouco lle importa xa que na nova adxudicación, a empresa proposta é Clece S.A. a mesma que presta o servizo na actualidade pero con distinta denominación”.

Desde o BNG denuncian ademais que no procedemento de adxudicación producíronse situacións “que cheiran mal” xa que, tal e como din “ordenouse modificar o informe técnico inicial, modificando as puntuacións sen ningún tipo de explicación e resultando adxudicataria a mesma empresa, con distinto nome, que leva tres anos incumprindo gravemente o contrato”.

Para a formación nacionalista “as persoas usuarias do SAF do Concello de Ourense non merecen este trato por parte dun Executivo Local que mira cara outro lado e vai permitir que a mesma empresa que leva tres anos incumprindo o contrato, volva facerse co mesmo”.

⚙ Configurar cookies
0.1644070148468