O BNG denuncia a situación “insostible” da discoteca Desörden e esixe ao executivo de Jácome que adopte medidas urxentes

OurenseXa
Segundo un informe emitido pola Polícía Local, a discoteca vulnera a ordenanza de ruidos
luis-seara
19 Feb 2026

O BNG de Ourense volve denunciar a situación da discoteca Desörden tras coñecerse hoxe que “a propia Policía Local, a través de varias inspeccións, constata a degradación da convivencia así como o incumprimento da Ordenanza por parte do establecemento”. Para Seara, isto demostra que “as queixas sobre o que está a suceder na zona como consecuencia da actividade da discoteca non son unha teima da veciñanza ou do BNG”.

As constantes aglomeracións na porta e o ruído levan sendo obxecto de denuncia por parte dos veciños desde a súa apertura e, agora, tal e como explican os nacionalistas, “o propio informe da Policía Local afirma que, ao personarse un axente na cabina de control, puido constatar de xeito fiable que o limitador acústico non entrou en funcionamento en ningún momento, aínda estando ao máximo o son emitido polos equipos”.

Seara lembra que xa o pasado 6 de febreiro, o Grupo municipal do BNG preguntou ao Goberno local cales eran as medidas que pensaba adoptar respecto da actividade da discoteca Desörden, tras coñecerse o informe elaborado por técnicos municipais.

Nas conclusións de dito informe, explican, a técnica asinante constatou a existencia de emisións sonoras que non foron correctamente controladas polo limitador, o que permite inferir a presenza de equipos de reprodución ou amplificación non integrados e, polo tanto, non controlados polo citado dispositivo, determinando que esa configuración incumpre as prescricións técnicas establecidas na Ordenanza municipal ao permitir a emisión de niveis sonoros non sometidos a control.

Porén, denuncian que a resposta do alcalde á pregunta formulada polo BNG consistiu en afirmar que estaba aberto un periodo de audiencia pública por un prazo de 10 días e que a partir de entón se tomarían as medidas correspondentes.

“Somos coñecedores de que dito prazo xa finalizou, polo que pedímoslle ao Goberno local que aclare se durante o mesmo se presentou algunha alegación por parte dos interesados e, en todo caso, que a resolución das mesmas e a toma de decisións sexa o máis áxil posible, xa que a situación na zona e os problemas para a veciñanza van en aumento”, sinala Seara.

Por iso, desde o BNG esixen ao Goberno local “explicacións, transparencia e celeridade” na toma de decisións. A situación, insisten, “é insostible e require solucións urxentes ante unha problemática que está a causar graves prexuízos emocionais e económicos á veciñanza. Cada día que pasa sen que se tomen decisións é un día máis en contra da saúde das veciñas e veciños”.

⚙ Configurar cookies
0.10552406311035