O BNG denuncia da cafetería do Xardín Xaponés estase a facer "sen contrato"
“Sorprendidos”, así se mostran no Grupo municipal do BNG logo das respostas recibidas por parte do Goberno Local en relación coa explotación da cafetería sita no Xardín Xaponés. Logo da denuncia pública dos nacionalistas ante unha serie de incumprimentos do contrato asinado en 2022 e nos que se incluía unha cesión irregular a terceiros da concesión, o pasado 16 de outubro o Concello publicaba na Plataforma de Contratación do Estado a resolución do contrato adxudicado no seu día.
Diante desta situación e vendo como a pesares da rescisión do mesmo, a cafetería, propiedade municipal, segue funcionando con normalidade, desde o BNG trasladaron unha serie de preguntas ao Goberno Local para que aclarase a situación. A Concelleira Rhut Reza sinala que “preguntámoslle ao Goberno se é coñecedor de que a día de hoxe existe algunha empresa realizando a explotación da cafetería sita no Xardín Xaponés sen que medie ningún contrato entre o Concello e dita empresa e o máis sorprendente é a resposta dada e por escrito, un rotundo si”.
“É dicir, o Concello admite que neste momento temos unha instalación municipal sendo xestionada e explotada por unha empresa privada pero sen que existe ningunha relación contractual entre ambos polo que é evidente que dita empresa nin está abonando ningún canon nin é responsable de nada do que aí poida pasar”.
E é que desde o BNG interesáronse precisamente por coñecer como vai proceder o Concello de Ourense con esta situación de ocupación e explotación dun dominio público sen que media relación contractual algunha sendo a resposta, “licitando a concesión”.
No tocante ao pagamento do canon, tendo en conta que este perdeu a súa vixencia ao rescindir o contrato co anterior adxudicatario, o Goberno Local resposta, segundo Rhut Reza “que reclamarán o seu pagamento se non o fai voluntariamente”, e engade, “como se lle vai esixir o pagamento do canon a unha empresa coa que non hai ningún tipo de relación contractual, é absurdo”.
Os nacionalistas denuncian o que consideran un feito de “enorme relevancia. Unha empresa privada está a facer uso dunha instalación municipal a través dunha cesión irregular no seu día por parte do anterior adxudicatario e sen que medie ningún contrato co Concello”, e engaden, “estamos a falar de que un particular está a facer negocio sen pagar absolutamente nada por unhas instalacións nun lugar privilexiado da cidade, nunha ubicación que xa quixeran moitos, por non falar das consecuencias que pode ter que se produza calquera tipo de incidencia no local, pois non sabemos de que xeito se resolvería aínda que cremos que en todo caso a responsabilidade sería do Concello como propietario da instalación”. Desde o BNG anuncian que seguirán pedindo explicacións ao Goberno Local.