O BNG denuncia falta de transparencia por parte do Concello de Ourense sobre as compatibilidades do persoal municipal

OurenseXa
Acusan ao goberno de Pérez Jácome de negarlles o acceso á información e anunican un prazo de dez días para recibila antes de presentar medidas legais
Luis-seara-bng-ourense
18 Nov 2025

O Grupo municipal do BNG volveu reclamar esta mañá na Xunta de Área de Administración Xeral e Seguridade a relación do persoal municipal que ten concedida ou solicitada algunha compatibilidade para exercer unha segunda actividade. Esta petición xa foi formulada en varias ocasións desde xaneiro, pero o Goberno local, denuncian, continúa negando o acceso á información.

O portavoz do BNG, Luís Seara, denunciou que “o Goberno local vulnera os nosos dereitos como Oposición á hora de ter información e xa estamos fartos de recibir escusas continuamente”. Amais, anunciou que “se no prazo de dez días non recibimos a listaxe, acudiremos ao Xulgado en defensa dos nosos dereitos”.

Ademais, na Xunta de Área de Urbanismo, o BNG volveu cuestionar o procedemento en torno á reapertura da discoteca Desörden, antiga Macao, na rúa Valle Inclán. O grupo nacionalista quere saber por que se deixaron caducar expedientes para reposición da legalidade e revogación de licenza, así como o motivo polo que se esperou á nova xerencia para presentar documentación que podería impedir a revogación. Tamén preguntaron sobre as denuncias veciñais polo incumprimento da Ordenanza municipal de ruídos e o permiso para obras no local, a pesar de estar pendente un expediente e haber orde de precinto.

No ámbito dos servizos sociais, o BNG denunciou o atraso na sinatura dunha adenda coa Xunta para ampliar usuarios do programa Xantar na Casa. O Goberno local atribuíu este atraso ás débedas que o Concello mantén coa Administración galega dende 2015.

Por último, preguntaron pola situación da Praza de Abastos número 1, á que o Goberno respondeu que non acepta o plan funcional que as praceiras e praceiros están a rematar. Desde o BNG advirten que o único obxectivo do Executivo municipal é expulsar os comerciantes actuais para sacar a xestión a unha nova licitación.

⚙ Configurar cookies
0.074018955230713