O BNG denuncia impagos ao persoal do guindastre municipal de Ourense e reclama unha solución urxente

O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense denunciou esta mañá a situación na que se atopa o servizo do guindastre municipal, sinalando que o persoal aínda non cobrou a nómina correspondente ao mes de marzo.
Segundo explicou o portavoz nacionalista, Luís Seara, a empresa concesionaria do servizo, Doal (antiga Vendex), xustifica estes impagos en que “non paga porque o Concello de Ourense non lle paga a ela”. Ante esta situación, o BNG reclama explicacións ao Goberno municipal e unha “rápida solución” para garantir o cobro dos salarios.
Seara lembrou que xa advertiran con anterioridade das consecuencias derivadas da supresión do servizo da ORA, tanto en materia económica como de movilidad, así como da situación de “absoluta precariedade” do servizo de guindastre.
O portavoz denunciou ademais que o persoal —integrado por condutores, persoal do depósito e recepcionistas— aínda non percibiu a nómina de marzo nin a paga de compensación social correspondente, cifrando a débeda en arredor de 2.400 euros por traballador.
Desde o BNG instan ao Goberno local a explicar “cal é a razón de non terlle pagado aínda á empresa” e a aclarar cando se abonarán as cantidades pendentes para que os empregados poidan cobrar o que se lles debe.
A formación nacionalista tamén apunta a unha situación máis ampla no Concello, que cualifican como reiterada no tempo, afirmando que “chove sobre mollado” e denunciando atrasos nos pagos a provedores, paralización de obras e débedas con traballadores municipais.
Ademais, Seara referiuse á situación do persoal da ORA, que segundo indicou continúa sen cobrar desde o seu despedimento o pasado 1 de xaneiro. Neste sentido, sinalou que o procedemento xudicial sufriu varios aprazamentos e que a resolución final aínda está pendente, cuestionando que fará o Concello no caso de que a xustiza non valide a situación actual.