O BNG denuncia "o baleirado das políticas de igualdade" no Concello de Ourense

OurenseXa
Denuncian que a través dunha nova transferencia de crédito, á que o BNG levaba meses pedindo acceso, certifícase como o baleirado da Concellería e das políticas de igualdade “é unha realidade”
Rhut Reza, Concelleira do BNG no Concello de Ourense.JPG
Rhut Reza
29 Out 2024

O pasado venres e logo de asistir á reunión convocada polo Concello de Ourense do Consello Municipal da Igualdade entre mulleres e homes, a Concelleira do BNG Erea Blanco, sinalaba que “ao Goberno Local non lle importa nada que teña a ver coa igualdade, así o demostran facendo Consellos rituais estéticos antes das datas sinaladas”, e engade, “o Samaín comezan a preparalo en xullo mais o 25N o 24 de outubro”.

Mais as críticas nacionalistas aumentan ao ter coñecemento de que a través dunha nova transferencia de crédito, á que o BNG levaba meses pedindo acceso, certifícase como o baleirado da Concellería e das políticas de igualdade “é unha realidade”. Dita transferencia de crédito tivo por obxecto facer fronte ao pagamento das subvencións concedidas no ano 2022 a 11 entidades do terceiro sector que tendo dereito a ela, non a recibiron ao terse esgotado no seu día o crédito existente, algo que a Concelleira Rhut Reza lembra “vimos reiterando ano tras ano sen que o Goberno Local faga nada para subsanalo”.

Para Rhut Reza “se xa é un despropósito que en 2024 aínda haxa entidades do terceiro sector pendentes de cobrar a subvención do ano 2022, o é máis aínda ao saber de onde saen os cartos para facer fronte a ditos pagamentos. E é que na transferencia 11T, o BNG puido constatar que se moveron 46.000 euros da partida de seminarios, cursos e feiras realizadas polo CIE, 24.000 euros correspondentes a gastos de estudos e difusión e o máis impactante, 16.750 euros dos programas e actividades de igualdade.

Esta última cantidade é a que eleva o ton do BNG xa que como ben sinala Rhut Reza, “a xustificación que figura no expediente para autorizar a transferencia, revela que a este Goberno non lle importan absolutamente nada as políticas de igualdade xa que segundo se recolle, a existencia de crédito suficiente na aplicación débese ao feito de non ter executado actividades e Programas de igualdade e de loita contra a violencia machista na medida das necesidades existentes para garantir así o bo funcionamento do Servizo”.

Para o BNG a única responsabilidade “é da dirección política e polo tanto da Concelleira delegada de Igualdade, quen amosa unha absoluta falta de interese”, e engaden, “as políticas de igualdade e a loita contra a violencia machista vai máis alá dunha foto o 25N ou o 8M, ten que estar presente no día a día da acción de Goberno, algo que por desgraza, non acontece pois temos un Goberno apático e pasivo en materia de igualdade”. Rhut Reza pregúntase en voz alta “para que queremos unha Concelleira de Igualdade, só para saír nas fotos?”.

0.19792985916138