O BNG denuncia o “sablazo” da Xunta aos concellos pola suba do canon de Sogama
Bernardo Varela, voceiro do grupo provincial do BNG de Ourense e Cristina Cid alcaldesa de Allariz e parte da executiva da FEGAMP, compareceron hoxe ante os medios de comunicación para denunciar desde o municipalismo nacionalista o “sablazo” que a Xunta de Galiza lle vai dar aos petos de galegos e galegas a través da subida do canon de SOGAMA.
A suba do canon, sinalaba Varela, vai supor un incremento por tonelada que se entrega a Sogama dos 56€ que tiñan os 118 concellos que estaban bonificados no 2023, ou os 68€ que tiñan os outros 167 concellos que non estaba bonificados, até os 88€ que vai haber que pagar na segunda metade deste ano como canon.
Cando os concellos xa teñen aprobados os seus orzamentos anuais, dicía Cristina Cid, e cos números cadrados para este exercicio, ven Sogama e a Xunta de Galiza e din que agora no transcurso do propio exercicio vai cambiar as regras de xogo e no canto do prezo por tonelada orzamentado vaise aumentar até un 40% o seu custe. “Estase pondo aos concellos en situacións límites por decisións alleas á actividade municipal.”
O voceiro provincial Bernardo Varela continuou indicando que esta situación era ben coñecida pola xunta de Galiza, xa que estamos a falar da aplicación da lei 7/2022 de 8 de abril de residuos e chans contaminados para unha economía circular, que non deixa de ser unha transposición do ordenamento europeo, que xa fora aprobada en 2022, e que agora a Xunta dí que hai que aplicar.
Esta lei o que se fai e penalizar aqueles residuos que van ao sistema de soterramento ou incineración. Porén foron as decisións da Xunta as que nos levaron a que o 80% dos residuos que se producen en Galiza vaian a soterramento e incineración coa aposta que fixo por Sogama, e a concentración destes residuos ao longo destes anos.
A alcaldesa de Allariz tamén matizou que é falso que a Xunta vai compensar aos concellos pola suba do canon, pois tal é como indicou, desde o bipartito existe un fondo de cooperación local que se reparte entre os concellos por medio de criterios obxectivos, un fondo composto por un fondo base e un fondo adicional e a Xunta o que vai facer é sacar esta financiación para compensar aos concellos pola suba do fondo adicional do fondo de cooperación. Ese cartos xa eran dos concellos.
“A xunta vai detraernos fondos propios aos concellos para pagalo. Por tanto non hai ningunha aportación da Xunta para asumir esta suba senón que vamos ser os propios concellos o que a vamos asumir”
Desde o BNG estamos en contra desta suba das taxas, di Varela, pero sobre todos estamos moi preocupados porque a Xunta non cambia o modelo de centralización de residuos e aposta polo soterramento e incineración, que constitúe o 80% dos residuos, mentres que só o 20% foron reciclados. Cando a propia Unión Europea marcaba un 50% como obxectivo para o 2020 e un 65% para o ano 2025, desde logo lonxe dos obxectivos que agora temos no país.
A Xunta de Galiza non se senta a falar cos concellos para ver como se ten que mudar este sistema, di Varela, está apostando por exemplo polo quinto contedor, cando ese é un sistema absolutamente inviable para a recuperación da materia orgánica na provincia de Ourense, na maioría dos pequenos núcleos da provincia e cando a propia lei marca como obxectivo a descentralización na xestión dos residuos. Así Varela declarou que “por tanto o compostaxe comunitario e o compostaxe individual serían as formulas máis prácticas para poder recuperar a materia orgánica, que forma parte do case 50% da bolsa de lixo que produce cada persoa ao día. A maior eiva, é o modelo. Ou cambiamos o modelo ou o recibo do lixo vai ser cada vez máis elevado e aínda por enriba cada vez máis insostible.”
Pedímoslle ao Partido Popular, como xestor na Xunta de Galiza e de Sogama que revise as políticas, que se sente a falar coa FEGAMP. Unha FGAM que xa fixo un chamamento unitario, á proposta do BNG, para sentarse e ver de mudar o sistema de xestión e que se recoñeza que o que se ten feito até o de agora é un modelo errado. E temos que mellorar absolutamente en todos os aspectos, pero sobre todo na xestión da materia orgánica e tamén na implicación da sociedade a traves das empresas e dos particulares na redución do lixo e de planificar de cara onde queremos ir na xestión dos noso residuos.
Pola súa banda Cristina Cid informou que o pasado luns na reunión da executiva da FEGAMP aprobouse unha moción para demandar á Xunta de Galiza que no proceso de negociación poida participar a FEGAM, “para que os concellos non queden de lado e comunicándolles o que teñen que pagar cada anualidade”, unha moción que tamén rexeitaba o actual modelo, que o único que fai é soterrar e incinerar e que non prima que se poidan facer outros tipo de iniciativas como as que está indicando a Unión Europea.