O BNG esixe a comparecencia dos técnicos de urbanismo para aclarar a situación da rúa Pena Trevinca

OurenseXa
Demandan ao Goberno local unha explicación sobre o motivo do colapso, as obras que se están a levar a cabo e as posibles afectacións que se puideran ter producido en baixos e garaxes
pena-trevinca-ourense-fochanca
21 Feb 2026

O BNG solicitará a comparecencia dos técnicos municipais na vindeira Xunta de Área para dar explicacións sobre as obras na rúa Pena Trevinca, en Ourense, tras o afundimento rexistrado a finais de xaneiro que mantén a vía pechada ao tráfico.

Lembran que desde o 27 de xaneiro, e como consecuencia do colapso dunha parte da calzada, esta rúa, unha das máis transitadas da cidade, permanece cortada. O Goberno local estimou un prazo de dous meses para completar a reparación e proceder á súa reapertura, un calendario que o grupo nacionalista considera complicado de cumprir. Con todo, segundo sinalan, a principal inquietude da veciñanza céntrase nas posibles consecuencias do afundimento sobre os inmobles próximos.

O portavoz do BNG no Concello, Luís Seara, asegura que “é moita a veciñanza da rúa a que se ten posto en contacto con nós nos últimos días para amosar a súa preocupación sobre o acontecido, sobre os traballos que se están executando e sobre a afectación que puidera existir en garaxes, baixos ou mesmo na cimentación dalgunha das edificacións” e engade, “o Goberno Local non ofrece ningún tipo de información, o que acrecenta a rumoroloxía e a preocupación entre as veciñas e os veciños”.

Ante esta situación, o grupo municipal do BNG anunciou que pedirá ao concelleiro delegado de Urbanismo, Infraestruturas e Servizos Urbanos, Francisco Lorenzo, que na Xunta de Área prevista para o martes 24 de febreiro “comparezan os técnicos que están a fronte desta obra para explicar que foi o que aconteceu, en que consisten os traballos de reparación e as posibles afectacións que se puideran ter producido en baixos e garaxes”.

Seara considera necesario que, durante esa sesión, “os Grupos da Oposición poidamos trasladarlle aos técnicos todas as dúbidas que temos e que nos traslada a veciñanza e que estas sexan aclaradas e mesmo, se é preciso, desmentidas no caso de que haxa informacións incorrectas ou directamente falsas”.

O portavoz nacionalista insiste en que “compre actuar coa máxima transparencia e ofrecer toda a información posible co obxectivo de tranquilizar á veciñanza da zona e para evitar que continúen as especulacións que o único que fan é xerar medo e desasosego. Agardamos que a nosa petición sexa atendida polo Goberno Local pois o único que pretende é tirar luz sobre as moitas dúbidas existentes a día de hoxe”.

0.084508180618286