O BNG esixe a execución inmediata da execución inmediata da A-56 entre Ourense e Lugo

OurenseXa
Os nacionalistas de Ourense levarán ao pleno da Deputación unha moción na que solicitan á institución provincial que inste ao Goberno do Estado a rematar os traballos nesta vía
xose-manuel-puga-maria-mangana
Xosé Manuel Puga e María Mangana
4 Feb 2026

Os deputados do grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego na Deputación de Ourense, María Magana e Xosé Manuel Puga presentaron esta mañá unha moción que defenderá no vindeiro pleno da Deputación para reclamar a execución completa da autovía A-56 entre Ourense e Lugo.

Os nacionalistas destacan que se trata dunha demanda histórica das comarcas do interior e advirten de que a falta dunha vía de altas prestacións entre ambas capitais “condena a provincia ao illamento, á perda de oportunidades e ao atraso económico”.

Por iso, con estas moción, o BNG busca o apoio da corporación que a Deputación inste ao Goberno do Estado a rematar a A-56 como unha autovía de altas prestación, non nun simple corredor. Piden, ademáis, que se aprobe con carácter inmediato un calendario público, concreto e vinculante de execución dos treitos pendentes, acompañado das partidas necesarias nos Orzamentos Xerais do Estado para garantir a súa finalización no menor prazo posible.

Os nacionalistas instan tamén á Xunta a exercer “unha defensa firme e activa” desta infraestrutura e que a propia Deputación lidere unha fronte común cos concellos afectados para impulsar accións conxuntas de reivindicación institucional e trasladar formalmente estes acordos ás administracións competentes.

Puga lembra que se trata dunha reivindicación histórica que se arrastra dende hai máis de dúas décadas e que, en todo este tempo, apenas se executaron nove dos 70 quilómetros prometidos, referíndose ao treito da Barrela que di, “nin é funcional nin resolve a conexión real entre as dúas cidades” malia tratarse dunha actuación comprometida con máis de 500 millóns de euros de investimento.

Insisten en que a A-56 non é “unha cuestión de mobilidade particular, senón unha peza clave para a vertebración interior de Galicia” e explican que a vía facilitará o transporte de mercadorías, reducirá os custes loxísticos, favorecerá a implantación de empresas, contribuirá a fixar poboación e garantirá o acceso a servizos públicos para a veciñanza.

Ademais, critican a falta de investimentos en Ourense, que din, “segue dependendo da N-540, unha estrada cun estado de conservación deficiente e con problemas recorrentes de seguridade viaria que padecen a diario milleiros de persoas usuarias”, mentres “utras áreas do país melloraron notablemente as súas conexións últimas décadas”.

Os nacionalistas aproveitaron tamén para denunciar que a Variante Norte de Ourense, o punto chamado a ser o nó estratéxico desta infraestructura, leva case dous anos con obras practicamente paralizadas, o que din, agrava aínda máis a falta de continuidade do proxecto.

Para os nacionalistas, o responsable desta situación non é outro que o PP, e denuncian que durante o goberno do Partido Popular no Estado con Mariano Rajoy á fronte, a autovía quedou “absolutamente conxelada”, con anos enteiros sen avances nin máquinas traballando. “Foi unha etapa de abandono total do interior mentres se falaba de vertebración territorial”, critica Puga, que destaca que dende o seu partido levan anos trasladando esta demanda en todas as institucións.

Con todo, desde o BNG fan un chamamento ao consenso do resto de forzas políticas e á mobilización institucional e social para converter a A-56 nunha causa común da provincia. “Se todos dicimos que é necesaria, é o momento de actuar. Ou damos un paso adiante agora ou seguiremos eternamente esperando”, sentencia Puga.

⚙ Configurar cookies
0.084252834320068