O BNG esixe a xestión pública directa dos centros de menores Montefiz e Monteledo

Os deputados do BNG reclaman á Xunta de Galicia que lles deixen visitar os centros de Montefiz e Monteledo, logo de rexeitar vairas a veces a súa petición, segundo denunciaron este venres. A formación nacionalista denuncia que a empresa concesionaria está “desatendendo o centro e as súas responsabilidades” e culpa a Xunta de Galicia de “non atender a situación, non ser transparentes e de ter unha actitude completamente pasiva ante a realidade destes centros”.
Dende o bloque nacionalista galego piden a xestión pública directa dos centros, dado o fracaso desta privatización; a mellora das instalacións; un incremento de persoal e unha mellora das condicións das traballadoras e traballadores; e que se permita que os representantes do Parlamento de Galicia visiten os centros para coñecer de primeira man as circunstancias nas que se atopan os menores.
Iago Tabarés destaca que “a realidade de ambos centros é que as instalacións son profundamente deficientes, existe unha falla de conexión á rede de saneamento, existe unha falla da calefacción e da climatización na meirande parte das habitacións, o patio non é hábil para a práctica deportiva, existe unha falta de mantemento, o cadro de persoal é insuficiente, as traballadoras e traballadores levan máis dunha década cos salarios conxelados e un longo etcétera. Isto é un exemplo claro de que a xestión non está funcionando.”
“Cando se trata de coidados a atención non pode ser devaluada non pode ser precarizada e os problemas non poden ser invisibilizados” afirma Ariadna Fernández, que continúa explicando que “esta situación non só afecta as traballadoras e traballadores e aos menores, tamén afecta as súas familias. Dende o goberno da Xunta teñen o deber de garantir o benestar dos menores, de que teñan unha vida e unhas condicións dignas, tanto eles como os traballadores e traballadoras, e iso ten que primar sobre todas as cousas”.
Os deputados deixan claro que “a falta de transparencia ven a confirmar que posiblemente esteamos no certo, que todas as denuncias que se lle fixeron chegar son reais, porque quen non esconde nada non pecha as portas”.
Ante esta situación o Bloque Nacionalista Galego reclama á Xunta de Galicia unha xestión pública directa dos centros e que se lles permita visitar ambos centros para coñecer a realidade do que está a suceder neles.